Galicia sitúase entre as seis comunidades con maior número de spin-offs especializadas en tecnoloxías profundas
A directora da Axencia Galega de Innovación participa na clausura do acto de presentación do informe ‘O ecosistema de spin-offs deep tech en España 2025’
Nel destácase a posición de Galicia ao concentrar o 5,2% das spin-offs activas, un ámbito que a Xunta apoia a través do programa Ignicia
A Universidade de Santiago sitúase entre as cinco entidades españolas que máis spin-offs deste tipo crearon
Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2026
A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, destacou hoxe que a “ciencia que xeramos está comezando a transformarse en empresas, en solucións e en impacto real para a sociedade e que Galicia ocupa unha posición destacada a nivel estatal na creación de empresas de tecnoloxías profundas”. Estas tecnoloxías, que entre outras son a cuántica e a intelixencia artificial, enmárcanse como un ámbito de especialización para Galicia no Plan galego de investigación e innovación 25-27. A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP fixo esta reflexión durante o acto de presentación do informe O ecosistema de spin-offs deep tech en España 2025, organizado pola Fundación Mobile World Capital Barcelona e a Universidade de Santiago de Compostela.
O estudo, que analiza o conxunto de empresas emerxentes de tecnoloxía profunda (deep tech) creadas en España a partir da investigación, conclúe que Galicia concentra o 5,2% das spin-offs especializadas en tecnoloxías profundas activas en España, situándose na sexta posición entre as comunidades autónomas só por detrás de Cataluña e Madrid, que concentran entre as dúas máis da metade das iniciativas identificadas, Comunidade Valenciana, Andalucía e País Vasco.
Así mesmo, as universidades destacan como orixe da maior parte das spin-offs españolas, por diante dos centros de investigación, os institutos de investigación sanitaria e os centros tecnolóxicos. En concreto, a Universidade de Santiago de Compostela sitúase entre as cinco entidades españolas que máis spin-offs deste tipo crearon. En canto aos sectores de actividade destas empresas, en Galicia teñen un peso destacado o sector biotecnolóxico e as TIC. Por último, o informe menciona a Axencia Galega de Innovación como axencia autonómica impulsora de programas de apoio a estas spin-offs.
Apoio á transferencia de coñecemento
Carmen Cotelo lembrou que este informe recolle que o gran reto “xa non é xerar coñecemento, senón transformalo en impacto económico e social”. Para iso, apuntou que é preciso “conseguir que máis proxectos medren, atraer capital especializado, reforzar a conexión coa industria tractora e acceder a mercados internacionais”.
Para valorizar este coñecemento, a Xunta de Galicia conta co programa Ignicia, unha iniciativa pioneira que leva apoiados desde 2016 un total de 41 proxectos de universidades, centros de investigación, fundacións de investigación sanitaria e centros tecnolóxicos, dos que 14 xa chegaron ao mercado (11 constituíronse como spin-offs e dan emprego a máis de 150 persoas e tres asinaron acordos coa industria para a comercialización dos resultados dos seus proxectos).
O programa Ignicia conta con nove proxectos actualmente en desenvolvemento e verase reforzado proximamente con novas medidas para impulsar activamente a creación e desenvolvemento de start-ups.