As doutoras Ana Concheiro e Luisa Fernanda Peleteiro nomeadas presidenta e vicepresidenta do Consello de Bioética de Galicia
A doutora Concheiro Guisán é especialista en Neonatoloxía e na actualidade é xefa do Servizo de Pediatría na área sanitaria de Vigo
Luisa Fernanda Peleteiro é psiquiatra no Hospital de Conxo e especialista universitaria en Bioética Aplicada
Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica na súa edición de hoxe os nomeamentos de Ana Concheiro Guisán e Luisa Fernanda Peleteiro Pensado, como presidenta e vicepresidenta do Consello de Bioética de Galicia, respectivamente.
Ambas as dúas son recoñecidas profesionais nas súas especialidades clínicas e contan cunha dilatada traxectoria no ámbito da docencia e da investigación.
A doutora Ana Concheiro Guisán é licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela e doutora pola universidade de Barcelona. A súa formación en Bioética procede do Institut Borja de Bioètica (Universidade Ramón Llul). Especializada en Neonatoloxía, na actualidade é profesora de Pediatría na Facultade de Medicina na USC é xefa do Servizo de Pediatría na área sanitaria de Vigo.
Pola súa banda, a nova vicepresidenta, Luisa Fernanda Peleteiro Pensado, é licenciada en Medicina e Cirurxía pola USC, estando especializada en Psiquiatría. Ademais, tamén é especialista universitaria en Bioética Aplicada no ámbito clínico e asistencial, e na actualidade traballa como psiquiatra no Hospital de Conxo (Santiago de Compostela).
O Consello de Bioética de Galicia é un órgano colexiado de carácter permanente, consultivo, interdisciplinar e independente que ten como finalidade asesorar nos aspectos éticos da práctica sanitaria do Sistema de Saúde de Galicia, ás entidades, organizacións e institucións de carácter sanitario, tanto públicas como privadas, ademais de ser foro de referencia do debate bioético na sociedade galega.