O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado do xerente da área sanitaria, Ramón Ares, avanzou a posta en marcha dun novo equipo HADO no transcurso da súa visita ao centro de saúde de Chantada

A Xunta incorpora Chantada, Carballedo, Quiroga e Ribas de Sil ao servizo de hospitalización a domicilio, acadando o 98 % da poboación do distrito de Monforte de Lemos

A constitución dun segundo equipo de hospitalización a domicilio ao distrito sanitario de Monforte de Lemos vai permitir unha reorganización do traballo para ampliar a cobertura, chegando a máis de 43.000 persoas

Para este incremento, contarase cun médico máis e outras tres enfermeiras, habilitando un novo vehículo para cubrir os desprazamentos

Gómez Caamaño remarca que ofrecerlles aos pacientes e ás súas familias coidados hospitalarios complexos desde o seu propio fogar é un factor de calidade e de humanización que fai máis grande o sistema sanitario público

A Xunta realizou no centro de saúde e no PAC de Chantada obras de mellora por importe de 100.000 euros e avanzou o compromiso de valorar novas necesidades

Chantada (Lugo), 21 de xaneiro de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou hoxe a incorporación de Chantada, Carballedo, Quiroga e Ribas de Sil ao servizo de Hospitalización a Domicilio, acadando, deste xeito, o 98 % da poboación do distrito de Monforte de Lemos e ao redor do 95 % na provincia de Lugo, e dando un paso máis para acadar o obxectivo de cubrir a totalidade dos concellos galegos.

O titular da carteira sanitaria da Xunta, acompañado do xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, anunciou a posta en marcha dun novo equipo de Hospitalización a Domicilio no transcurso da súa visita ao centro de saúde de Chantada, onde trasladou aos profesionais o compromiso da Xunta coa sanidade pública deste municipio.

Respecto da ampliación do servizo de HADO, Gómez Caamaño referiu que poder ofrecerlles aos pacientes e ás súas familias coidados hospitalarios complexos desde o seu propio fogar é un factor de calidade e de humanización que fai máis grande o noso sistema sanitario público.

A constitución dun segundo equipo de hospitalización a domicilio ao distrito sanitario de Monforte de Lemos vai permitir unha reorganización do traballo para ampliar a cobertura.

Respecto do primeiro equipo xa existente no hospital de Monforte de Lemos, formado por un médico e tres enfermeiros, ofrecía axuda á poboación dos concellos de Monforte de Lemos, Bóveda, A Pobra de Brollón, Pantón, Sober e O Saviñao, atendendo ao redor de 260 pacientes. Agora, con este segundo equipo, a cobertura chegará a máis de 43.000 persoas, cun incremento de 15.000 usuarios.

Para este incremento, contarase cun médico máis e outras tres enfermeiras. Tamén se habilitou un novo vehículo para cubrir os desprazamentos.

Con esta nova prestación, o conselleiro incidiu en que a sanidade pública de Chantada e do distrito sanitario de Monforte de Lemos é máis completa e máis próxima á cidadanía grazas ao esforzo compartido dos alcaldes, dos profesionais sanitarios e do Executivo galego.

Melloras no centro de saúde e no PAC

Tal e como detallou o conselleiro, a Xunta realizou neste centro de saúde e no PAC obras de mellora por importe de 100.000 euros. Entre elas sinalou a nova consulta de admisión e da sala de espera no PAC, ademais da remodelación da área de admisión e fisioterapia, así como a instalación de baños adaptados no centro de saúde.

Engadido ao anterior, dotouse ao centro de saúde de dúas cadeiras de brazos para odontoloxía e impulsouse a renovación do equipamento de fisioterapia e a dixitalización da sala de radioloxía. Tal e como demandou o alcalde, valoraranse as novas necesidades.

O conselleiro tamén incidiu na importancia de atención primaria como elemento vertebrador da sanidade pública. Concluíu que todos estes investimentos forman parte da aposta da Xunta pola mellora dos servizos sanitarios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/01/2026