A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou esta mañá na Tribuna organizada polo Círculo de Empresarios de Galicia

Fabiola García destaca o pulo histórico da Xunta á dependencia ao resolver favorablemente 86.300 expedientes en 2025 e reducir a espera en dous meses

A conselleira subliña que Galicia está preto xa das 94.000 persoas atendidas e que alcanza unha ratio do 99,8%, o que a sitúa seis puntos por riba da media nacional

Lembra que o obxectivo é chegar aos 100.000 atendidos en 2026 e mellorar a atención residencial coa creación nesta lexislatura de 3.500 prazas públicas

Destaca o impacto das medidas da Xunta orientadas ás familias nos datos de poboación, que revelan un cambio de tendencia da natalidade en Galicia, onde os nacementos xa aumentan por riba da media estatal

Vigo, 22 de xaneiro de 2026

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou esta mañá na Tribuna organizada polo Círculo de Empresarios de Galicia na que se analizou o modelo social de Galicia e os seus retos de futuro. Na intervención, presentou os datos de balance do primeiro ano de aplicación do Plan de Axilización e Simplificación da Dependencia e a Discapacidade, un período no que a Xunta resolveu favorablemente 86.319 expedientes, un 92,4% máis que en 2024. Concretamente, nos doce meses incorporáronse 28.737 novas persoas ao sistema de dependencia e recoñecéuselle a discapacidade a 57.582 persoas.

Tras ser presentada pola presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, María Borrás, a conselleira tamén detallou que no último ano, e grazas ao esforzo orzamentario do Goberno galego, conseguiuse reducir o tempo de espera en máis de dous meses, mentres se incrementaba no conxunto de España e ao mesmo tempo que as solicitudes rexistraron unha alza do 89% nese mesmo período. Fabiola García fixo fincapé en que, actualmente, Galicia está preto xa das 94.000 persoas dependentes atendidas e alcanza unha ratio do 99,8%, o que a sitúa seis puntos por riba da media nacional, co obxectivo de superar neste 2026 as 100.000 persoas atendidas.

Durante o acto, a conselleira de Política Social e Igualdade explicou a política da Xunta en materia de atención a maiores e avanzou que obxectivo da lexislatura é impulsar 3.500 novas prazas residenciais públicas, entre as que destacou as 150 coas que contará o centro residencial que a Fundación Amancio Ortega está construíndo en Vigo. Ademais, lembrou que a Xunta está impulsando un plan de novas residencias, no marco do que se crearán 24 centros que habilitarán 1.800 novas prazas de atención aos maiores en concellos de menos de 50.000 habitantes.

Nesta mesma área de atención ás persoas maiores, tamén destacou o acordo da Xunta coa Fegamp acadado esta semana e que suporá incrementar nun 50% ata 2028 a achega do Goberno galego ao financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que xestionan os concellos e que chega actualmente a 23.000 galegos en situación de dependencia. Deste xeito, puxo en valor o compromiso do Goberno galego cos concellos e instou ao Executivo central a “cumprir coa lei de dependencia” e achegar o 50% do custe dos servizos, poñendo fin á débeda con Galicia que chega xa a 2.900M€.

Entre os piares fundamentais do modelo social de Galicia, a conselleira tamén destacou as medidas de atención ás familias e de impulso da conciliación da vida laboral e familiar. Neste eido, destacou a aposta da Xunta pola gratuidade da etapa educativa 0-3, da que destacou como “un esforzo realizado integramente con fondos propios, no que fomos pioneiros e que nos ten situado como líderes en escolarización 0-3, non só en España senón tamén en Europa”. Así, lembrou que Galicia conta xa cun 65% de nenos e nenas matriculados nesta etapa, unha taxa que se sitúa 15 puntos por riba da media estatal.

Datos de poboación

Por último, Fabiola García destacou que “estamos comezando a ver o impacto destas medidas nos datos de poboación de Galicia”, en referencia aos últimos datos de nacementos publicados onte polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que, segundo subliñou “revelan un cambio de tendencia da natalidade en Galicia, onde os nacementos medran máis que a media estatal e de xeito sostido, sumando seis meses de incremento”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/01/2026