A Xunta convoca por 29 M€ axudas para apoiar a grupos de investigación e eleva o investimento en marcha a 119 M€
Trátase dun programa clave no financiamento da I+G+i, que beneficia a 448 equipos que traballan en Galicia, chegando a unha cifra récord este ano
Poden destinarse tanto á contratación de persoal investigador como a sufragar ferramentas de xestión do coñecemento ou material funxible, entre outros
Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2026
A Xunta de Galicia vén de convocar novas axudas para os grupos de investigación do sistema de I+G+i, unha convocatoria dotada con 29 M€ para financiar o labor destas unidades ata 2030. Con esta nova inxección, o investimento en vigor por parte do Goberno galego para estes equipos elévase a 119 M€ a través de cinco liñas plurianuais en marcha que permiten traballar con estabilidade.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP terá aberto ata o 19 de febreiro o prazo para solicitar estas axudas, que permiten a consolidación das unidades de investigación máis competitivas nas universidades públicas, nos organismos públicos de investigación, nas fundacións públicas de investigación sanitaria e nos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados na nosa Comunidade.
Nelas traballan os equipos científicos máis excelentes, que realizan proxectos de alto impacto que repercuten no progreso social e económico de Galicia. En total, na actualidade hai 448 grupos de investigación en activo, o máximo histórico, que realizan o seu labor co apoio da Xunta grazas a este programa.
Tres categorías de grupos
Como é habitual, a orde de convocatoria establece tres categorías: Grupos de referencia competitiva (Modalidade A), Grupos de potencial crecemento (Modalidade B) e Proxectos de persoal Investigador con traxectoria excelente (Modalidade C).
A modalidade A vai dirixida aos grupos considerados como excelentes, con bos índices de publicacións científicas, un nivel de captación de recursos elevado e liderados por científicos referentes. Estes grupos contan cunha traxectoria científica moi consolidada ao longo do tempo, con moito persoal investigador adscrito e moitos proxectos en marcha. Por este motivo, perciben o rango máis alto de axudas, cun máximo anual de 105.000€.
Na modalidade B inclúense os grupos na senda da excelencia, que están a consolidar o seu equipo e o seu proxecto para dar o salto á modalidade A. Estas axudas proporciónanlle apoio para esta evolución, cunha achega máxima anual de 41.500€.
A modalidade C dá a oportunidade de que persoal investigador con traxectoria excelente e que actualmente non lidera ningún grupo poida crear o seu propio grupo de investigación. Nesta categoría, existen dúas liñas: unha de reforzo da traxectoria investigadora consolidada, cun importe anual máximo de 50.000€ por un período de catro anos, e unha de reforzo de traxectorias emerxentes é de 15.000€ en 2026 e de 25.000€ no resto dos anos ata 2030.
Tamén se mantén o criterio de ter en consideración o liderado e a importancia do papel desempeñado polas mulleres nas propostas presentadas co fin de contribuír a reducir o desequilibrio entre mulleres e homes dedicados á investigación no sistema da I+G+i. De feito, esta aposta está dando os seus froitos: o número de mulleres dedicadas á I+D en Galicia incrementouse no 2024 con máis forza que no conxunto do Estado, en concreto un 1,95% fronte ao 0,53% de España, segundo os últimos datos do INE.
O financiamento varía en función dos ingresos medios anuais e as actividades de transferencia de coñecemento, oscilando entre os 15.000 e os 105.000 euros ao ano para cada grupo. As axudas poden destinarse tanto á contratación de persoal investigador ou auxiliar de investigación ou de investigadores visitantes como a sufragar ferramentas de xestión do coñecemento e a información (aplicacións, licenzas e programas informáticos, bases de datos, etc.), pequeno equipamento inventariable e material funxible, material bibliográfico ou a consultaría e asesoramento externo, entre outros.
Apoio á investigación con 64 M€
Esta liña de axudas forma parte dun primeiro paquete de axudas da Xunta para investigadores neste 2026 que conta con cinco convocatorias: apoio a contratos predoutorais (dúas liñas), posdoutorais (dúas liñas) e apoio a grupos de investigación, cun investimento conxunto de 64 M€. En total, convocaranse este ano case 200 contratos predoutorais e posdoutorais. Con estas liñas de axuda plurianuais, a Xunta reforza a aposta de Galicia pola I+G+i e eleva o investimento en vigor a 313 M€.