O conselleiro de Sanidade, acompañado do xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, interveu no acto de inauguración oficial do XI Simposio Biopsia Líquida
Gómez Caamaño reafirma a aposta de Galicia por situarse á vangarda da oncoloxía de precisión co impulso da excelencia dos seus grupos de investigación
O esforzo investigador dos profesionais compleméntase con proxectos estratéxicos e pioneiros da Xunta, como o Centro de Protonterapia, que situará Galicia como a primeira comunidade de España en ofrecer este tratamento na sanidade pública
O conselleiro de Sanidade incide na aposta do Goberno galego pola prevención e a detección precoz, a través da implantación e extensión de cribados poboacionais
Subliña a importancia de seguir a impulsar un ecosistema que favoreza a investigación de excelencia e a incorporación responsable da innovación á práctica asistencial
Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reafirmou hoxe, na inauguración do XI Simposio de Biopsia Líquida, a aposta de Galicia por situarse á vangarda da oncoloxía de precisión co impulso da excelencia dos seus grupos de investigación.
O titular da carteira sanitaria da Xunta, acompañado polo xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, interveu neste evento científico que coloca á capital de Galicia en espazo de referencia internacional nun dos ámbitos máis prometedores da oncoloxía moderna, ao contar con máis de 300 profesionais nesta edición.
O conselleiro remarcou que Galicia avanza a paso firme grazas ao talento e á capacidade dos seus profesionais, que cristaliza en equipos de excelencia como o Grupo de Oncoloxía Médica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago.
Baixo o liderado do doutor Rafael López, e co traballo dun equipo altamente especializado, Oncomet está a marcar a diferenza na loita contra o cancro.
Este esforzo dos profesionais compleméntase desde a Xunta con proxectos estratéxicos e pioneiros como o Centro de Protonterapia, que situará Galicia como a primeira comunidade de España en ofrecer este tratamento na sanidade pública.
Tamén incidiu o máximo responsable do Sergas na aposta do Goberno galego pola prevención e a detección precoz, a través da implantación e extensión de cribados poboacionais.
Avances para os pacientes
Gómez Caamaño, na súa condición de oncólogo, sinalou a importancia da investigación traslacional ao traducirse en avances reais para os pacientes, achegando diagnósticos cada vez máis precisos, tratamentos menos invasivos e decisións mellor fundamentadas.
Segundo o titular de Sanidade, a biopsia líquida representa un auténtico fito e un desafío para o sistema e para os profesionais. Así, á espera de que esta técnica se inclúa na carteira de servizos básicos por parte do Ministerio de Sanidade, o conselleiro dixo que Galicia ten claro que esta é unha aposta necesaria e participa activamente nos ensaios clínicos.
Gómez Caamaño referiu que o obxectivo do seu departamento é ofrecer aos pacientes unha mellor atención sanitaria, cuns criterios científicos sólidos supervisados polo Comité Molecular de Tumores.
Este propósito da Xunta enmárcase na súa Estratexia de Oncoloxía de Precisión, que reflicte a firme vontade do Executivo galego por avanzar cara unha medicina cada vez máis personalizada.
É necesario seguir a impulsar un ecosistema que favoreza a investigación de excelencia e a incorporación responsable da innovación á práctica asistencial, concluíu o conselleiro.