A Xunta convoca axudas por 1 M€ para promover prácticas sostibles en chiringuitos do litoral e facelos máis eficientes, accesibles e integrados na paisaxe

Os titulares destes establecementos terán de prazo para presentar as solicitudes do 3 de febreiro ao 3 de marzo e deberán facelo a través da sede electrónica

Poderase cubrir ata o 50% do importe subvencionable, cun investimento mínimo   por solicitude de 1.500 € e unha axuda máxima de ata 10.000 € por proxecto

No caso de adaptación integral aos prototipos de chiringuito biosostible que resultaron premiados no concurso de ideas resolto a finais de 2025, a axuda poderá chegar ata o 70% do investimento subvencionable cun importe de ata 20.000 €

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2026

A Xunta convocou hoxe unha nova liña de axudas para promover prácticas sostibles nos chiringuitos da costa galega, favorecendo á vez a súa transición cara a establecementos máis eficientes, accesibles e integrados na paisaxe que compatibilicen a súa actividade económica coa conservación da contorna, tal e como fixa a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.

Dotada dun orzamento de 1 millón de euros, cómpre lembrar que a convocatoria destes incentivos tamén está ligada ao concurso de ideas convocado o ano pasado polo Goberno galego para deseñar un prototipo biosostible destes establecementos temporais que sirva como de modelo de referencia para futuras instalacións. De feito, o pasado 13 de xaneiro celebrouse en Ribeira o acto de entrega dos premios e a presentación oficial dos tres proxectos galardoados.

Segundo figura na orde da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, poderase cubrir ata o 50% de cada proxecto subvencionable, cun investimento mínimo por solicitude de 1.500 euros e unha axuda máxima de 10.000 euros. En todo caso, cando se trate dunha adaptación integral aos prototipos de chiringuito biosostible gañadores do concurso de ideas, a axuda poderá chegar ata o 70% do gasto subvencionable cunha contía de ata 20.000 euros.

O prazo para facer as solicitudes, que deberán presentarse por medios electrónicos, abrirase o 3 de febreiro e pecharase o 3 de marzo. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados con data límite de 31 de outubro de 2026.

Con estes novos apoios búscase facilitar que os propietarios (autónomos ou sociedades) que queiran renovar os seus negocios poidan adoptar algún dos deseños galardoados.

De feito, esta orde de axudas aspira a fomentar que nestes establecementos de tempada se empreguen materiais reutilizables, reciclados, de baixo impacto ambiental ou con certificación ecolóxica tanto na instalación de estruturas, solos e paneis como nos elementos de sombreado e protección solar, ou no mobiliario.

Tamén serán subvencionables actuacións dirixidas tanto á redución e correcta xestión dos residuos, como ao aforro dos consumos enerxéticos e de auga. Por último, financiaranse accións que promovan a accesibilidade universal mediante solucións respectuosas coa contorna e a integración paisaxística.

Data de actualización: 23/01/2026