A Xunta licita por 1,4 M€ solucións informáticas de análise médica de apoio ao diagnóstico en distintas especialidades

Con esta iniciativa, dotarase o sistema sanitario de solucións automatizadas baseadas en algoritmos de intelixencia artificial para o procesamento de imaxe diagnóstica, dando apoio ao persoal clínico

As áreas relacionadas con este apoio diagnóstico son a lectura da citoloxía xinecolóxica, as imaxes histopatolóxicas do cancro de mama e de próstata, as radiolóxicas musculoesqueléticas e de tórax, así como as imaxes oftalmolóxicas

As empresas interesadas nesta licitación teñen de prazo ata o 23 de febreiro para presentar as súas ofertas

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2026

A Xunta vén de publicar no Portal de Contratos Públicos a licitación de solucións de análise de imaxe médica de apoio ao diagnóstico en distintas especialidades para o Servizo Galego de Saúde por un importe de 1.464.100 euros.

As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 23 de febreiro para presentar as súas ofertas.

Con esta iniciativa, dotarase o sistema sanitario de solucións automatizadas baseadas en algoritmos de intelixencia artificial para o procesamento de imaxe diagnóstica, permitindo apoiar ao persoal clínico na interpretación de probas. Ademais, mellorarase a calidade do diagnóstico e garantirase a integración cos sistemas corporativos do Servizo Galego de Saúde.

A contratación, realizada no Marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea, estrutúrase en catro lotes. O primeiro deles refírese ao subministro, instalación e posta en marcha dun software para a automatización da lectura na citoloxía xinecolóxica, co obxecto de identificar células anormais.

O segundo dos lotes refírese a un sistema de software para a análise automatizada de imaxes histopatolóxicas asociadas ao cancro de mama, que permita a identificación e segmentación de rexións tumorais, así como do cancro de próstata, con cuantificación de tecido prostático ocupado polo tumor.

O terceiro dos lotes recolle a contratación dun software que permita a análise automatizada de imaxes radiolóxicas musculoesqueléticas e de tórax, con capacidades avanzadas de apoio diagnóstico para detección automática de patoloxías frecuentes, lesións, fracturas  ou dislocacións.

Por último, o cuarto dos software que se contratarán posibilitará a análise automatizada de imaxes oftalmolóxicas, orientado á axuda ao persoal clínico na interpretación e detección automática de diversas patoloxías, incluíndo retinopatía diabética e outras afeccións, así como o control de calidade do diagnóstico.

Data de actualización: 23/01/2026