A Xunta recibe catro ofertas para executar as obras de mellora da estrada OU-540, entre Celanova e Bande, ao paso por Verea, que suporán un investimento de 6 M€

Os traballos, cun prazo de execución de 18 meses, consistirán no acondicionamento dun tramo ao longo de 14 quilómetros, onde se ampliará a plataforma da vía, se habilitarán terceiros carrís, se rectificarán curvas ou mellorará o firme

Nos núcleos de Agrelo e Carballo prevense sendas peonís nas marxes desta estrada

O departamento que dirixe María M. Allegue aposta pola vertebración do interior de Galicia para mellorar as comunicacións entre municipios, asentar poboación e contribuír á competitividade económica

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2026

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, recibiu un total de catro ofertas de empresas para executar as obras de mellora da estrada autonómica OU-540, entre Celanova e Bande, ao paso por Verea, que suporán un investimento de 6M€.

Esta intervención, que conta cun prazo de execución de arredor de 18 meses, centrarase

no acondicionamento da OU-540, concretamente do tramo Celanova-Bande, pasando por Verea, un treito que suma unha lonxitude de 14 quilómetros.

As obras obxecto deste contrato incluirán o pavimentado de todo o tramo, a ampliación da plataforma, a creación de terceiros carrís para o adiantamento ou a rectificación de varias curvas.

O proxecto tamén contempla para os núcleos de Agrelo e Carballo, no municipio de Verea, a dotación de sendas peonís nas marxes da citada estrada autonómica.

O departamento que dirixe María M. Allegue mantén o seu compromiso coa vertebración da provincia de Ourense cos obxectivos de mellorar as comunicacións, contribuír ao asentamento poboacional, especialmente no rural, e reforzar o dinamismo económico e o desenvolvemento social.

Data de actualización: 24/01/2026