A Xunta mantén aberto o prazo da nova liña de achegas para mellorar servizos no rural e apoiar a fixación de poboación
Estas axudas, dotadas con 5 M€, teñen como obxectivo propiciar a revitalización do tecido produtivo e animar o asentamento de persoas en áreas rurais
Poderán beneficiarse todos os concellos de Galicia que desenvolven os seus proxectos en zonas rurais, agás aquelas parroquias clasificadas como zonas densamente poboadas segundo o IGE
Ortigueira (A Coruña), 27 de xaneiro de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe o concello de Ortigueira onde mantivo unha reunión co seu alcalde, Valentín Calvín. Nesta xuntanza, ademais de tratar diferentes asuntos de competencia autonómica de interese para o concello, Martina Aneiros resaltou que a Xunta de Galicia mantén aberto o prazo dunha nova liña de achegas, convocada pola Consellería de Medio Rural, para a prestación de servizos básicos locais que propicien a revitalización do tecido produtivo e a fixación de poboación en áreas rurais, dotadas cun orzamento de 5 millóns de euros ao abeiro do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027. Esta nova liña forma parte da decidida aposta da Xunta por impulsar a recuperación demográfica e a creación de condicións de vida de calidade no medio rural.
Estas axudas van dirixidas a todos os concellos de Galicia que desenvolvan os seus proxectos en zonas rurais, agás as parroquias clasificadas como zonas densamente poboadas segundo o seu grao de urbanización previsto polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Polo tanto, nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal quedarían excepcionadas as parroquias de Ferrol e Trasancos, no concello de Ferrol; e a de Narón, no municipio homónimo.
As actuacións susceptibles de ser executadas con cargo a estas achegas deberán contemplar a mellora dos servizos básicos nas zonas beneficiadas, como poden ser obras de mellora nas redes de alumeado público ou a execución de construción e a rehabilitación de espazos públicos, dependencias municipais e instalacións deportivas. Ademais, poderán restaurarse elementos patrimoniais e a súa contorna, no caso de ser necesario, así como a mellora dos servizos asistenciais e culturais.
A delegada territorial destacou que “son subvencionables tanto a construción, adquisición e mellora de inmobles e terreos, como a obra, maquinaria e bens de equipamento necesarios”, subliñando que “con carácter xeral, a axuda financiará o 100% dos gastos subvencionables, ata o importe máximo de 100.000 euros de axuda”.