A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático interveu no peche do debate parlamentario sobre o proxecto normativo, que se someterá mañá a votación

Galicia aspira a reforzar a súa capacidade de anticipación e adaptación a fenómenos extremos derivados do quecemento global coa Lei do clima

Ángeles Vázquez salienta que coa aprobación do proxecto normativo por parte do Parlamento galego daríase luz verde a unha regulación que contribuirá a que a rexión sexa neutra en emisións en 2040, dez anos antes que España e Europa

O texto lexislativo supón un impulso na acción contra o cambio climático mellorando a preparación fronte a episodios como inundacións, secas ou fenómenos meteorolóxicos adversos como as últimas borrascas facilitando a xestión das súas consecuencias e unha adecuada prestación de servizos á cidadanía nesas situacións

A conselleira reclama mecanismos de colaboración que permitan combinar as competencias de MeteoGalicia coas da Axencia Estatal de Meteoroloxía para prestar un servizo de máxima calidade e coordinar a emisión dos avisos

O Executivo galego lembra que a norma conta cun potente respaldo económico grazas aos 1.800 M€ recollidos no II Plan rexional integrado de enerxía e clima 2030

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, defendeu hoxe que Galicia ten a oportunidade de ver reforzada a súa capacidade de anticipación e adaptación a fenómenos meteorolóxicos e climáticos extremos derivados do quecemento global co proxecto de Lei do clima, a primeira norma destas características que se eleva ante a Cámara galega.

Durante a súa intervención tralo debate sobre o texto normativo, que mañá se someterá a votación definitiva no pleno do Parlamento, a responsable autonómica asegurou que a súa aprobación sería un fito histórico para a comunidade xa que se trata dunha regulación que contribuirá a que a rexión sexa neutra en emisións en 2040, dez anos antes que España e Europa.

Nesta liña, incidiu en que a lei suporá un impulso na acción contra o cambio climático mellorando a preparación fronte a episodios como inundacións, secas ou fenómenos meteorolóxicos adversos como as últimas borrascas -Harry, Ingrid ou Joseph- e facilita tanto a xestión das súas consecuencias como unha adecuada prestación de servizos á cidadanía nesas situacións.

A responsable autonómica salientou que o texto lexislativo contribuirá á gobernanza climática, regulará as proxeccións para proporcionar unha información específica para Galicia -fácil e sinxela, feita por e para a comunidade-, impulsará a sensibilización, educación e investigación e reforzará os servizos meteorolóxicos e de calidade do aire.  

Neste sentido, a conselleira aproveitou para reclamar mecanismos de colaboración que permitan combinar as competencias de MeteoGalicia coas da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) para prestar un servizo da máxima calidade. Nesta liña, propuxo un acordo de cooperación en materia de meteoroloxía e climatoloxía para establecer unha coordinación e comunicación eficaz na emisión de avisos entre os dous servizos, unha planificación conxunta para a instalación de infraestruturas e a posta a disposición recíproca dos datos en tempo real que se obteñan das redes de observación.

Respaldo económico

Ángeles Vázquez subliñou que a Lei do clima contará ademais cun potente respaldo económico grazas aos 1.800 millóns de euros recollidos no II Plan rexional integrado de enerxía e clima (Priec) 2030 repartidos en máis de 90 medidas.

A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático engadiu que se trata dunha normativa transversal feita desde o rigor, moi participada e avalada pola experiencia e o coñecemento técnico da Fundación Universidade da Coruña, á que agradeceu a súa colaboración. Por iso, defendeu que se trata dunha lei obxectiva e moi necesaria, á que sería ilóxico que alguén se opuxese.

“Votar en contra é ignorar unha realidade -o quecemento global- e votar a favor é seguir construíndo unha Galicia de calidade, máis forte, máis segura e cun futuro máis verde. Porque a unidade é clave para facer fronte a desafíos como o cambio climático”, concluíu a responsable autonómica, que animou a todos os grupos parlamentarios a apoiar mañá a aprobación da Lei do clima.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/01/2026