A Xunta destina 370.000 € aos gastos de funcionamento das agrupacións de voluntarios de Protección Civil
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria deste ano destas subvencións coas que a Xunta contribúe a sufragar os gastos de funcionamento das AVPC
Mantense o orzamento da convocatoria do ano pasado, da que se beneficiaron preto de 190 asociacións
O Goberno galego leva investidos máis de 28 M€ na dotación de material e recursos dos servizos de emerxencias da comunidade, dos que máis de 20 M€ corresponden ao apoio a estas agrupacións
Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2026
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases reguladoras da convocatoria deste ano da orde de axudas ás agrupacións de persoal voluntario de Protección Civil (AVPC) destinadas a colaborar nos seus gastos de funcionamento.
A Xunta destinará un orzamento de 370.000 euros a esta liña, mantendo o orzamento da convocatoria do ano pasado, cando se incrementara a contía en 30.000 euros respecto a exercicios anteriores. Deste xeito, pese a tratarse dunha competencia de carácter local, o Goberno galego colabora economicamente coas AVPC nos seus gastos correntes contribuíndo o seu funcionamento. De feito, só o ano pasado estas axudas beneficiaron a case 190 colectivos: 61 na provincia da Coruña, 32 na de Lugo, 66 na de Ourense e 30 na de Pontevedra.
Segundo a convocatoria publicada hoxe, as axudas poderanse destinar a necesidades como equipamento e vestimenta persoal de uniforme; equipos de prevención e protección, sempre que se trate de material funxible; custos de actuacións levadas a cabo pola agrupación; gastos ocasionados pola conservación, mantemento e alugamento da súa base e medios de intervención, aplicacións informáticas e de comunicacións, así como os gastos de comunicación fixos e móbiles de voz e datos; o pagamento de seguros do persoal voluntario; custos de formación dos seus membros; ou equipamento de material informático e de comunicación, sempre que ambos casos se trate de elementos funxibles.
Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións as AVPC de Galicia en concellos de menos de 50.000 habitantes inscritas no Rexistro de Agrupacións de Persoal Voluntario de Protección Civil ou que teñan presentada oficialmente a solicitude de inscrición. Ademais, deberán ter xustificadas e liquidadas as subvencións de anos anteriores, estar ao día do cumprimento das obrigas tributarias e contar cun seguro de accidentes e de responsabilidade civil.
As entidades interesadas teñen o prazo dun mes desde mañá para presentar as súas solicitudes a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta, https://sede.xunta.gal.
Esta convocatoria complementa outros programas do Goberno galego para mellorar os medios de emerxencias dos concellos de menos de 50.000 habitantes. Así, ademais das axudas directas para colaborar cos gastos de funcionamento publicadas hoxe, a Xunta reforza cada ano o material de emerxencias das AVPC coa convocatoria anual para facilitar equipamento. Só a través da orde de concesión de material de 2025, cedéronse 35 kits de material loxístico de seguridade viaria, 32 kits de ferramentas eléctricas para a atención a emerxencias e 10 tendas de campaña para emerxencias a concellos galegos que conten con AVPC.
Neste senso, o investimento da Xunta nos últimos anos nas AVPC da comunidade acada máis de 20 millóns de euros, dos que case 15,4 millóns se destinaron a reforzar o seu equipamento e os 5 millóns restantes aos seus custos de mantemento. O investimento total da Xunta para material e novos recursos tanto destas agrupacións como doutros servizos de emerxencias da comunidade supera os 28 millóns de euros desde 2015.
Ademais, a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), o persoal destas agrupacións realizan o curso necesario para obter o seu carné de voluntario e os profesionais dos distintos servizos de emerxencias contan cun amplo catálogo de actividades formativas ao longo do ano para actualizar os seus coñecementos e poder realizar unha intervención eficaz ante calquera incidencia. O investimento da Xunta na formación dos servizos de emerxencias supera os 3 millóns de euros nos últimos anos.