A Xunta reforza as bibliotecas escolares como espazos de creación, experimentación e innovación
Román Rodríguez inaugura a xornada ‘Biblioteca creativa’, que reúne aos coordinadores deste programa da Consellería de Educación no que participan 211 centros
Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2026
A Xunta reforza as bibliotecas escolares como espazos de creación, experimentación, innovación e traballo cooperativo a través do programa Biblioteca Creativa impulsado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e no que participan un total de 211 centros, 25 deles de nova incorporación este curso.
O conselleiro Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, inaugurou esta mañá unha xornada formativa deste programa na que se dan cita máis de 200 coordinadores do mesmo, un encontro de intercambio de experiencias e boas prácticas e que se completa con oito obradoiros de temáticas tan variadas como as técnicas de creación de ilustracións con tecido e fío, a banda deseñada, a ficción dixital e os escornabots para a introdución da linguaxe da programación.
O representante da Xunta de Galicia lembrou que as bibliotecas escolares “son un orgullo do noso sistema educativo” e “unha referencia na aprendizaxe e o reforzo das competencias académicas”. Non en balde, Galicia lidera o ránking estatal con máis bibliotecas escolares en funcionamento.
As bibliotecas escolares participantes no programa Biblioteca Creativa, ademais de recibir apoio económico anual, dótanse dun espazo de creación e experimentación que achega ao alumnado e profesorado os recursos e materiais axeitados. A través del estimúlase a iniciación do alumnado de Infantil e Primaria no campo do pensamento computacional con diferentes actividades. Búscase, así mesmo, promover a expresión oral, o razoamento lóxico, a aprendizaxe manipulativa, o xogo, a investigación e o traballo colaborativo.