A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue inicia a campaña educativa sobre doazón de medula ósea en centros de ensino de Galicia
Mesas informativas e charlas forman parte do programa didáctico impulsado pola ADOS para dar a coñecer este xeito de doazón entre os máis novos e novas
Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2026
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) inicia este mes de xaneiro a campaña educativa sobre doazón de medula ósea en centros educativos de toda Galicia, co obxectivo de dar a coñecer este xeito de doazón entre os máis novos e novas. Mediante a instalación de mesas informativas e impartindo charlas educativas por profesionais especializados, a Axencia achegase aos estudantes galegos para tentar incrementar o número de persoas que se inscriben no REDMO (Rexistro Español de Doantes de Medula Ósea).
Esta iniciativa divulgativa achegarase, ao longo da segunda fase da campaña de doazón, ata oito centros educativos. Este xoves, 29 de xaneiro, profesionais da ADOS, teñen instalada unha mesa informativa no CIFP Manuel Antonio de Vigo para dar a coñecer este xeito de doazón e impulsar a súa activa participación.
Salientar, ademais, que dentro do programa formativo desenvolvido pola Axencia, retómase nesta segunda fase da campaña de doazón en centros educativos, o programa de visitas didácticas ata as instalacións de ADOS, onde os estudantes galegos poden coñecer, en primeira persoa, o labor diario que realiza a Axencia.
Requisitos dos doantes
Para ser doante de medula ósea é preciso ter entre 18 e 40 anos, non ter padecido enfermidades graves ou transmisibles e estar incluído no REDMO. A Axencia é centro de referencia para a tipaxe de doantes de medula ósea en Galicia e, na actualidade, están inscritos no Rexistro ao redor de 16.000 galegos e galegas.
O transplante de medula ósea, como se coñece popularmente ao transplante de proxenitores hematopoéticos, é, en ocasións, o único tratamento que permite curar determinadas enfermidades do sangue, como a leucemia, ao substituír as células defectuosas por outras normais, procedentes dun doante. Estimase que o 70% dos enfermos que precisan transplante, non teñen doante familiar compatible polo que precisan recorrer a un doante voluntario non emparentado que teña un elevado grao de compatibilidade. A procura dos doantes voluntarios coordínase a través do REDMO.