Medio Rural prorroga un mes máis as medidas de prevención sobre a dermatose nodular contaxiosa
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará mañá a correspondente resolución, que producirá os seus efectos desde o día 2 de febreiro ata o 1 de marzo, ambos incluídos, e que á súa vez poderá prorrogarse en función da evolución epidemiolóxica da doenza
Malia o progreso favorable da situación epidemiolóxica en Cataluña, a aparición de novos casos de DNC en Francia aconsella manter as medidas cautelares establecidas en Galicia para salvagardar a cabana bovina galega
Segue permitida a celebración de feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando bovino, aínda que só con asistencia de animais procedentes de explotacións galegas, e mantense a vixilancia veterinaria de 21 días para aqueles de fóra de Galicia
Reclamóuselle ao Goberno central que lidere unha vacina marcada que poida usarse de maneira preventiva e que se modifique a categoría da enfermidade, xa que repercute de forma moi esixente no sector
Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará mañá venres unha nova resolución da Consellería do Medio Rural pola que se prorrogan un mes máis as medidas de prevención en relación á enfermidade da Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC). Deste xeito, dita resolución producirá os seus efectos desde o 2 de febreiro ata o 1 de marzo, ambos incluídos, e poderase prorrogar de ser necesario en función da evolución epidemiolóxica da doenza.
É importante salientar que malia a evolución favorable da situación epidemiolóxica en Cataluña, a aparición de novos casos de DNC en Francia aconsella manter as medidas cautelares establecidas en Galicia respecto desta enfermidade, tras a análise do risco sanitario existente actualmente e co obxectivo final de seguir salvagardando e protexendo a cabana bovina galega.
Isto significa que segue permitida a celebración de feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando bovino en Galicia con finalidade comercial, aínda que só con asistencia de animais procedentes de explotacións galegas. A maiores, os vehículos procedentes de fóra da comunidade que acudan a estes eventos deberán acceder ás instalacións baleiros, limpados, desinfectados e desinsectados.
Con respecto á celebración extraordinaria de concursos, certames, poxas e exhibicións, deberá contarse coa autorización previa da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, no seu caso tamén con asistencia só de animais de explotacións galegas.
Vixilancia veterinaria de 21 días
Asemade, continúa estando vixente o período de vixilancia veterinaria oficial de 21 días para todos os bovinos procedentes de explotacións localizadas fóra de Galicia -con destino a vida-, dende a data da súa incorporación á explotación de destino na nosa comunidade. A totalidade dos animais das granxas que incorporen bovinos procedentes doutras partes do territorio español ou do estranxeiro quedarán inmobilizados de xeito cautelar durante o mesmo período de tempo. Esta inmobilización afectará aos bovinos presentes na explotación na data de entrada dos novos animais.
Da mesma maneira, segue sendo obrigatorio desinsectar todos os bovinos presentes na explotación á que se incorporen estes animais, así como todos os vehículos de transporte de gando que realicen movementos de entrada a Galicia, tanto para vida como para sacrificio, e, neste último caso, manténdose a posibilidade da súa entrada sempre que sexan trasladados directamente a matadoiro.
Cabe sinalar que os Servizos Veterinarios Oficiais de Medio Rural continuarán realizando todas as actuacións necesarias de inmobilización das explotacións, vixilancia sanitaria, comprobación da correcta desinsectación, control das condicións de limpeza e desinsectación de vehículos, coa colaboración das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Mensaxe de tranquilidade e peticións ao Goberno
A Xunta continúa reiterando a mensaxe de tranquilidade cara ao sector, dado que non hai constancia de ningún caso desta enfermidade en Galicia e tampouco se transmite ás persoas. Así mesmo, séguese reclamando ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación unha maior implicación do seu departamento e unha estratexia clara de coordinación para o control eficaz desta enfermidade, co fin de levar a cabo medidas homoxéneas entre as diferentes comunidades autónomas que dean certezas e seguridade no sector gandeiro, especialmente no caso de ter que poñer en marcha indemnizacións.
Tamén se lle pediu que lidere, no marco da Unión Europea, unha vacina marcada que poida usarse de maneira preventiva e que se modifique a categoría da enfermidade -actualmente considerada A, a máis grave das existentes-, xa que repercute de forma moi esixente no sector.
A DNC é unha enfermidade vírica de alta difusibilidade que implica importantes prexuízos, tanto nas explotacións afectadas como no sector bovino do territorio no que se notifique a súa presenza. En todo caso, cabe insistir en que non afecta ás persoas, nin por contacto directo con animais infectados nin polo consumo dos seus produtos, e tampouco a través dos vectores transmisores.