Agolada mellorará a eficiencia enerxética do centro de saúde grazas a unha achega da xunta de preto de 120.000 euros
O delegado territorial destacou a importancia de levar a cabo obras que diminúan os gastos correntes dos concellos, así como o seu impacto ambiental
A subvención permitirá mellorar a calefacción e o illamento do edificio, ademais de instalar novos puntos led
Agolada (Pontevedra), 29 de xaneiro de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o centro de saúde do concello de Agolada con motivo das obras de mellora da eficiencia enerxética que se levarán a cabo nos próximos meses.
Así, o concello conta cunha achega da Xunta de preto de 120.000 euros, o que supón o 80% do investimento total, que permitirá realizar varias actuacións clave. Por un lado, renováronse as luminarias, substituíndo as antigas por novos puntos de luz led de baixo consumo e instalarase un sistema de regulación da intensidade da luz. Ademais, mellorouse a climatización e o illamento do edificio, colocando novas fiestras, unha envolvente térmica e actuando sobre o pavimento e o tellado. Por último, instalarase un novo sistema de climatización que permitirá un importante aforro enerxético.
O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar a importancia de “diminuír os gastos correntes dos concellos, o que permite que se gasten os recursos municipais en outras necesidades dos veciños e veciñas”.
Cabe destacar que o financiamento desta obra encádrase na Estratexia de cambio climático e enerxía 2050 e no marco do Programa Feder Galicia 2021-2027, que ten como obxectivo contribuír á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e á mitigación dos efectos do cambio climático.