A Xunta compromete a segunda fase da rehabilitación do CEIP das Mercedes de Lugo

O conselleiro de Educación, acompañado polo delegado da Xunta en Lugo, visita o centro para comprobar o resultado das melloras xa realizadas

O custo total estimado da rehabilitación ascenderá a máis de 800.000 €, dos que están xa executados máis da metade

A Xunta está a investir 18 M€ en melloras nos centros de ensino da cidade, e ten xa en marcha para acometer este ano a ampliación do IES Muralla Romana

Lugo, 29 de xaneiro de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, comprobou hoxe o resultado da primeira fase da rehabilitación integral acometidas no Colexio das Mercedes, en Lugo. Nunha visita na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, o conselleiro comprometeu para 2027 a segunda fase desta actuación: “A previsión é redactar o proxecto durante este ano para, a continuación, licitalo”.

Mentres que a intervención principal da primeira fase se centrou no cambio de cuberta do centro, a segunda será de cambio de fiestras e outras actuacións de mellora de eficiencia enerxética. O investimento estimado ascende a 250.000€, de modo que o custo total da rehabilitación integral se elevaría a máis de 800.000 €.

No que atinxe ás obras xa realizadas, por preto de 560.000 €, consistiron no cambio de cuberta, renovación de pintura, instalación de falsos teitos e melloras na instalación eléctrica. No caso da cuberta, mudouse a dos tres volumes que compoñen o colexio, un total de 670 m². O programa da intervención incluíu a demolición do forxado de cuberta e da cubrición de pizarra e a colocación dunha nova estrutura, illamento térmico e cubrición. A maiores, reforzouse a estrutura baixocuberta e renováronse os lucernarios de policarbonato no patio da planta baixa, dado que era necesario retiralos para acometer a obra.

A maiores, realizáronse reparacións na ala esquerda do edificio co obxectivo de solucionar a entrada de auga ocorrida durante a execución das obras do pasado verán, debida á rotura dun tubo da calefacción da segunda planta; así como para solucionar problemas de filtracións previas ao cambio da cuberta. Actuouse nas tres plantas para renovar a pintura e reparar parte da instalación eléctrica. Así mesmo, instaláronse falsos teitos e nova iluminación en todas as aulas desta zona, así como nos despachos de orientación e dirección, na sala de profesores e na entrada. A obra está acabada, a falta dun remate nun falso teito.

Coa primeira fase da rehabilitación do CEIP das Mercedes solucionouse un problema puntual de colapso dunha pequena parte do forxado da cubrición o pasado mes de xuño. Dada a antigüidade do tellado, de 60 anos, optouse por renovalo por completo, para axustalo aos actuais estándares de calidade.

Investimento de 18 M€

Román Rodríguez puxo en valor o compromiso do Goberno galego coas instalacións dos centros educativos da cidade da Muralla. Neste sentido, lembrou que, no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a Xunta está a investir 18 M€ en obras en centros da cidade. “De feito, este mesmo ano licitamos a ampliación do Instituto Muralla Romana, cun investimento de 1,6 M€”, lembrou Román Rodríguez. “Nos últimos anos executamos actuacións tan relevantes como o novo edificio de cociñas do IES Sanxillao, cun investimento de 1,8 M€, que precisamente permitiu que hoxe poidan estar celebrando un certame de panadería e pastelería nestas novas instalacións”, afirmou.

Entre as obras máis relevantes executáronse a rehabilitación integral do IES Lucus Augusti (3,3 M€), a central de biomasa da nova mazá educativa (2,1M€), o novo edificio de talleres de carpintería do Centro Integrado de FP Politécnico de Lugo (1,2 M€) ou as rehabilitacións integrais dos IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (1,5 M€), IES Ánxel Fole (1,4 M€), Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón (1 M€) e Colexio Paradai (1 M€).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/01/2026