O conselleiro de Educación destaca o Concurso de panadaría e pastelería do Instituto Sanxillao como un bo escaparate da excelencia da FP galega
Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo e pola directora xeral de FP, participa na entrega de premios do certame ‘LVCUS DOCE’
Lugo, 29 de xaneiro de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na entrega de premios da segunda edición do Concurso de panadaría e pastelería LVCUS DOCE, organizado polo Instituto Sanxillao de Lugo. No acto participaron tamén o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a directora xeral de FP, Eugenia Pérez.
O titular do departamento educativo da Xunta puxo en valor este tipo de certames como “un escaparate do excelente traballo que se está a realizar nos centros de FP galegos, nos que estamos a formar verdadeiros profesionais”. Román Rodríguez felicitou a todos os participantes polo seu esforzo e creatividade e destacou a acertada iniciativa do equipo directivo e docente do IES Sanxillao á hora de poñer en marcha este concurso, que reúne alumnos de media ducia de centros de Galicia e España. “Desexo moitos éxitos a este certame, que está xa a amosar moita potencialidade e calidade nesta segunda edición”, afirmou.
Nesta segunda edición do certame participaron alumnos do IES Sanxillao, do IES de Foz, dos centros integrados de FP Vilamarín, Fraga do Eume (Pontedeume), Carlos Oroza (Pontevedra) e do IES La Rosaleda (Málaga). O concurso, que se desenvolveu onte e hoxe, conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación e de Galicia Calidade, así como das empresas Europastry, Huelmo Lugo e Comercial Casal, que colaboraron coa cesión de materias primas, materiais, premios e aloxamento.
O concurso consistiu na preparación de diferentes elaboracións de panadaría e pastelería e na súa posterior presentación ao xurado. Así mesmo, incluíu a visita á empresa Europastry. Os gañadores obtiveron como primeiro premio un robot de cociña e como segundo e terceiro un cheque para material de hostalería de 300 e 150 €, respectivamente. O primeiro posto foi para o CIFP Carlos Oroza, mentres que o segundo recaeu no IES La Rosaleda e o terceiro no IES Sanxillao.