O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP visita o alumnado de FP Básica de Carpintaría e moble no CIFP Politécnico de Santiago

Román Rodríguez anuncia un itinerario integrado de FP e roteiros empresariais co fin de atallar ao máximo o abandono escolar, especialmente entre os homes

Subliña que o abandono “é un problema fundamentalmente masculino”, polo que se vai reforzar o Plan FPGal360 con novas medidas para afrontar a brecha de xénero

Malia a baixada no último ano e estar entre as comunidades con mellor resultado, “seguiremos traballando con rigorosidade para reducir ao mínimo esta taxa”

O próximo curso arrancarán os Itinerarios Integrados de FP, que permitirán que os alumnos de FP Básica accedan directamente a un ciclo medio sen proceso de admisión previo

Os roteiros formativos, dirixidos a alumnos da ESO, inclúen estadías de inmersión real en empresa da contorna do centro para o coñecemento das profesións

O obxectivo é consolidar máis apoio ao alumnado, reforzar a súa motivación e lograr que se sigan formando, alomenos, ata a maioría de idade

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, vén de anunciar o reforzo da loita contra o abandono educativo temperá con novas medidas enfocadas, fundamentalmente, aos homes e, deste xeito, atallar a brecha de xénero que se dá neste eido.

Aínda que Galicia reduciu a taxa de abandono escolar ata o 10,4% en 2025, 2,4 puntos por debaixo da media estatal (que é do 12,8%) e 0,4 puntos con respecto ao anterior exercicio, e se sitúa entre as comunidades con mellores resultados neste eido, os datos constatan que o abandono é un asunto “fundamentalmente masculino”, cunha taxa do 13,5% que case dobra o 7,2% no caso das mulleres, explicou Román Rodríguez.

Ante estes datos, o conselleiro subliñou que o seu departamento está a traballar “coa máxima dilixencia” no marco do Plan FPGal360, de orientación profesional integral, para “continuar deseñando novas accións específicas” dirixidas a lograr que os mozos permanezan no sistema educativo máis aló da etapa de Secundaria Obrigatoria.

Nunha visita aos alumnos de FP Básica de Carpintaría e Moble no Centro Integrado de FP Politécnico de Compostela, onde estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, Román Rodríguez avanzou que a Consellería está traballando nun novo Itinerario Integrado de FP que lles permita aos alumnos de FP Básica continuar de forma directa cara un ciclo formativo medio.

Garantía de continuidade de estudos

Esta novidosa acción, que se prevé implantar xa o próximo curso, permitirá que un estudante dunha FP Básica teña garantida a praza nun ciclo medio sen necesidade de realizar unha nova solicitude.

Tal e como explicou o conselleiro, isto leva aparellado “unha serie de vantaxes” para os estudantes, posto que non teñen que participar nun novo proceso de admisión, dispoñen dunha praza asegurada durante catro anos, facilítase a estabilidade académica e tamén se reducen as barreiras administrativas.

Precisamente, Román Rodríguez puxo como exemplo o “bo funcionamento” do ciclo de Carpintaría e Moble do centro compostelá, onde, desde que se puxo en marcha no curso 2021-22, o 80% dos alumnos que cursaron a modalidade básica, continuaron estudos nalgún ciclo medio.

Inmersión en empresas

Así mesmo, tamén se van poñer en marcha roteiros empresariais, un novo programa de coñecemento e posta en valor das profesións desde a perspectiva actual. Esta acción contempla a inmersión empresarial do alumnado da ESO en empresas, co obxectivo de achegalo á realidade do mundo laboral e estimular as súas perspectivas de cualificación profesional.

Para iso, realizarase unha convocatoria dirixida a estudantes que lles permita desenvolver estadías de inmersión real en empresas da contorna do seu centro educativo.

Blindar a formación ata, alomenos, os 18 anos

 “O obxectivo é claro: lograr que o cen por cen do alumnado siga formándose ata, polo menos, os 18 anos, e atraer ao sistema educativo aquelas persoas con escasa formación que desexen mellorala e que deixaran atrás os estudos”, abondou o conselleiro. Así pois,  con FPGal360, a Xunta actualizará e mellorará a modalidade de FP Básica, potenciará o sistema de orientación para que o estudantado comprenda a conexión entre formación e oferta de traballo e facilitará unha titulación aos mozos galegos que carezan dela.

Estas medidas completarán outras xa en marcha como a FP Acelerada, a FP Básica Adaptada, a formación para persoas adultas ou o proxecto EdugalIA, de emprego da intelixencia artificial no tratamentos e análise de datos ao servizo da mellora da xestión educativa, que precisamente se licita hoxe.

Deste xeito, o Goberno galego continúa avanzando de maneira firme na redución do abandono (que diminuíu en máis de 15 puntos desde o 25,8% rexistrado en 2009) con máis apoio ao alumnado, reforzando a súa motivación e consolidando un modelo de aprendizaxe ao longo da vida, no que as persoas poidan seguir formándose, actualizando coñecemento e adquirindo novas competencias en prol de maiores oportunidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/01/2026