Máis de 38.000 persoas xa participaron no ensaio clínico Sincigal, que avalía a redución de ingresos en adultos grazas á vacina fronte ao virus respiratorio sincitial
Esta fin de semana repítese a convocatoria extraordinaria para participar no estudo, sen cita previa, nos 14 hospitais do Servizo Galego de Saúde
A participación implica a posibilidade de recibir ou non a vacina, de xeito aleatorio
Tamén continúa aberta a participación de luns a venres nos puntos habilitados nos hospitais, en distintos horarios
Pódese participar en máis dun cento de centros de saúde adscritos ao estudo
Os interesados en participar no estudo Sincigal teñen á súa disposición o teléfono gratuíto 900 842 217 para resolver dúbidas
Na última semana rexistráronse 41 hospitalizacións de persoas maiores de 60 polo VRS, das cales 22 teñen máis de 80 anos
Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2026
A Xunta, a través da Consellería de Sanidade e a Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, volve habilitar de forma extraordinaria na fin de semana os 14 hospitais públicos para facilitar a participación no ensaio clínico Sincigal, no cal xa colaboraron 38.237 persoas.
Calquera persoa maior de 18 anos pode participar no estudo, que ten como obxectivo avaliar a redución de ingresos hospitalarios na poboación adulta mediante a vacinación fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS).
Así, nas xornadas deste sábado e domingo, en horario de 10,00 horas a 14,00 horas e de 16,00 horas a 20,00 horas, ábrese a participación sen cita previa. Como ata agora, a participación implica a posibilidade de recibir ou non a vacina e posteriormente poder comprobar a súa efectividade na diminución de hospitalizacións en persoas vacinadas e sen vacinar.
Ata o momento, na área sanitaria da Coruña e Cee sumáronse ao estudo 9.900 persoas; na de Ferrol, máis de 2.800; na de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, máis de 5.660; na de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, máis de 6.110; na de Vigo supéranse as 3.800; na de Pontevedra e O Salnés, preto de 5.220; e na de Santiago de Compostela e Barbanza, case 4.740 persoas.
Segundo o informe semanal sobre a situación do virus respiratorio sincitial en Galicia, a pasada semana rexistráronse 41 ingresos con VRS en maiores de 60 anos, dos cales 22 correspóndense a maiores de 80.
Participación de luns a venres
Para aumentar a accesibilidade das persoas que desexen participar no ensaio clínico Sincigal, esta semana equipos de enfermería do proxecto comezaron a desprazarse a residencias sociosanitarias para informar e ofrecer a colaboración no estudo sobre esta vacina, xa autorizada para a súa administración.
Ademais, calquera persoa maior de 18 anos que desexe participar no ensaio tamén pode facelo acudindo sen cita previa nos puntos habilitados nos hospitais, en distintos horarios, de luns a venres. Os horarios poden ser consultados na web do ensaio clínico Sincigal:
Tamén están activos os máis de 130 centros de saúde participantes, que figuran na seguinte ligazón:
As persoas interesadas en participar neste estudo teñen á súa disposición o teléfono gratuíto 900 842 217 e a web do proxecto sincigal.com para resolver dúbidas.
A Consellería de Sanidade e a Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago buscan evidencia científica que sirva para valorar a eficiencia da vacina fronte ao virus respiratorio sincitial en adultos, como xa se logrou co estudo Galflu, que serviu para incluír na sanidade pública a vacina de alta carga fronte á gripe para maiores de 70 anos.