Destacouno hoxe a titular deste departamento na visita a unha plantación de chopos no concello lucense de Sarria

María José Gómez presenta a nova liña de achegas para promover a reforestación de coníferas e frondosas tras a corta de madeira, con máis de 8 M€ ata 2027

Esta convocatoria da Consellería do Medio Rural publicouse onte no Diario Oficial de Galicia (DOG), polo que o prazo para solicitalas está xa aberto e remata o 12 de marzo

Esta partida está subdivida en tres liñas diferenciadas en función das especies que se utilicen: coníferas, frondosas e unha específica para chopos

Gómez asegurou que o Goberno autonómico traballa de xeito constante da man do sector para apoiar aos propietarios do monte e realizar un aproveitamento sustentable, que xere riqueza e que ademais protexa o bosque e evite o abandono

Sarria (Lugo), 30 de xaneiro de 2026

A Consellería do Medio Rural vén de reforzar a súa aposta pola xestión forestal sostible do monte galego cunha nova liña de achegas para reforestacións produtivas posteriores á realización de aproveitamentos madeireiros. Sinalouno hoxe así a titular deste departamento, María José Gómez, na visita a unha plantación de chopos no concello lucense de Sarria, na que estivo acompañada pola directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro.

Durante o seu percorrido pola zona, que conta con 1,13 hectáreas de chopo de 15 anos de idade, a conselleira explicou que esta partida conta cun orzamento de 8,48 millóns de euros para os anos 2026 e 2027 e que un dos seus obxectivos é impulsar a produtividade do monte, ademais de xerar actividade económica no rural, o que repercutirá na fixación de poboación e a creación de oportunidades laborais.

Así mesmo, destacou que a convocatoria se publicou onte no Diario Oficial de Galicia (DOG), polo que o prazo para solicitalas está xa aberto e remata o 12 de marzo. Poden pedilas os titulares dos terreos obxecto de actuación, as comunidades de montes en man común, as agrupacións forestais de xestión conxunta e as persoas silvicultoras que estean inscritas nos rexistros correspondentes.

Tres liñas de apoio

Esta partida está subdividida en tres liñas diferenciadas en función das especies que se utilicen, expuxo María José Gómez. A primeira delas está centrada na reforestación produtiva de coníferas, que poderán plantarse en zonas nas que se realizara un aproveitamento madeireiro de coníferas, eucalipto ou especies invasoras. O seu orzamento ascende ata os 6,6 millóns de euros divididos a partes iguais para os anos 2026 e 2027. A achega económica varía entre os 3.691,67 euros e os 2.079,89 euros por hectárea en función da densidade da plantación. Esta liña inclúe tamén un módulo específico para a xestión do rexenerado natural tras a corta de masas de coníferas.

A segunda pon o foco na reforestación produtiva de frondosas, co fin de fomentar a implantación de masas de alto valor engadido e ecolóxico nos bosques galegos. Contan cun orzamento de 1,48 millóns de euros e o importe por hectárea, ao igual que na primeira liña, oscila segundo a densidade da plantación. Os importes oscilan entre os 2.569,50 ata os 4.230,41 euros por hectárea. Por último, a terceira liña vai destinada na súa totalidade á reforestación produtiva de chopo, cun crédito total de 400.000 euros e un único módulo de axuda de 4.229, 60 euros por hectárea.

Neste sentido, Gómez asegurou que o Goberno autonómico traballa de xeito constante da man do sector para apoiar aos propietarios do monte e realizar un aproveitamento sustentable, que xere riqueza e que ademais protexa o bosque fronte ao abandono.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/01/2026