O conselleiro de Educación, Ciencia, FP e Universidades visitou o Instituto Camilo José Cela de Padrón, onde deu conta do procedemento
A Xunta licita por 13,5 M€ o proxecto EdugalIA, que incorpora a intelixencia artificial á xestión educativa para mellorar o éxito escolar
Román Rodríguez salienta que esta iniciativa “suporá un cambio de paradigma” na toma de decisións en prol dun modelo educativo máis personalizado e inclusivo
Asegura que, grazas á análise integrada de datos, a administración poderá prever e identificar, prever e atallar situacións de risco de abandono escolar
É a iniciativa de desenvolvemento tecnolóxico de IA máis importante de España, ao acadar 10M€ de financiamento a través do proceso de Compra Pública Innovadora
As empresas interesadas poden presentar as súas propostas ata o 17 de marzo
Padrón (A Coruña), 30 de xaneiro de 2026
A Xunta de Galicia licita hoxe, por un importe de 13,5 M€, a contratación do proxecto EdugaIIA, que incorporará a intelixencia artificial á xestión e avaliación educativa para mellorar o éxito escolar e reducir o abandono.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, deu conta do proceso con motivo dunha visita ao Instituto Camilo José Cela de Padrón onde, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, puido coñecer de primeira man a impartición de materias optativas novidosas en Bacharelato como Intelixencia artificial e Tecnoloxías intelixentes.
O titular de Educación do Goberno galego salientou que EdugalIA “suporá un cambio de paradigma” na forma de deseñar, xestionar e avaliar as políticas públicas educativas coa axuda do desenvolvemento tecnolóxico, ao empregar a IA para a toma de decisións neste eido. Recalcou, ademais, que o proxecto xa está considerado como “o mellor de España” co uso da intelixencia artificial ao servizo da mellora educativa.
Segundo explicou, este desenvolvemento tecnolóxico para a xestión escolar leva aparellado un orzamento total de 16,5 M€ (6,6 M€ achegados pola Xunta e 9,9 procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER no marco do Programa Plurirrexional de España 2021-2027). Hoxe saen a licitación os 13,5 M€ necesarios para executar as dúas fases do proxecto que abranguen unha primeira parte de servizos de I+D para desenvolver entre 2026 e 2028 e outra segunda de adquisición e despregamento das solucións correspondentes a aplicar entre 2028 e 2030.
A partir de hoxe, as empresas interesadas dispoñen de prazo ata o 17 de marzo para presentar as propostas. A maiores, estase ultimando a contratación dunha oficina técnica de control de proceso, que completará o proxecto.
Ensino máis personalizado e inclusivo
Román Rodríguez destacou as “enormes potencialidades” de EdugalIA ao servizo da mellora escolar xa que dispoñer de infraestruturas analíticas que integren todas as fontes de datos, “suporá, na práctica, por exemplo, identificar situacións de risco como o abandono escolar e, deste xeito, tomar decisións máis precisas e unha atención máis especializada e personalizada” en prol dun modelo educativo “centrado nas persoas e máis inclusivo”.
O despregue tecnolóxico desta iniciativa ao servizo da gobernanza educativa tamén suporá melloras directas sobre os alumnos e as familias. Neste senso, crearase por primeira vez o expediente dixital único do alumnado, que o acompañará ao longo de toda a súa traxectoria académica. Tamén se desenvolverá un espazo entre familias, centros e Xunta para asistencia e información áxil e personalizada.
Equipo asesor multidisciplinar
Para desenvolver este proxecto, a Xunta constituíu un equipo asesor multidisciplinar composto por investigadores das universidades galegas, dos centros de investigación punteiros como o Cesga, o Supercomputing Center de Barcelona e a Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España, expertos en gobernanza educativa, pedagogos, analistas de datos e intelixencia artificial, que realizaron achegas para o deseño da arquitectura do proxecto incluídas cuestións como a definición de indicadores, a protección de datos ou os principios éticos.
Así pois, o sistema estará deseñado baixo parámetros adecuados de protección de datos, xestión de permisos, consentimentos de cesión de información e privacidade, conforme á normativa.