A directora xeral de Patrimonio Natural participou en Burgos no XIX Foro de Conservación da Natureza do Comité Español da UICN
A Xunta salienta a importancia do voluntariado ambiental na conservación dos espazos naturais
Marisol Díaz fixo fincapé en que estas actividades, que converten a visitantes e veciños en coidadores do medio, implican a persoas de todas as idades, o que propicia o aproveitamento do coñecemento tradicional
Destaca o Programa de voluntariado ambiental nos parques naturais de Galicia, en cuxas actividades os participantes levan a cabo tarefas de limpeza, sinalización, eliminación de especies exóticas invasoras e catalogación de fauna e flora
Burgos, 30 de xaneiro de 2026
A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, puxo hoxe en valor o papel do voluntariado ambiental á hora de garantir a conservación dos espazos naturais durante a súa participación no XIX Foro de Conservación da Natureza do Comité Español da UICN.
Nese senso, Marisol Díaz indicou que o voluntariado ambiental transforma a protección da natureza nun compromiso colectivo que contribúe de maneira directa á conservación da biodiversidade con accións fundamentais en tarefas de protección, restauración e xestión sostible do territorio.
Nesa liña, a directora xeral fixo fincapé en que estas actividades, que converten a visitantes e veciños en coidadores do medio, implican a persoas de todas as idades, o que propicia o aproveitamento do coñecemento tradicional, que se combina co compromiso das poboacións locais na preservación das súas contornas.
En concreto, Marisol Díaz puxo como exemplo o Programa de voluntariado ambiental nos parques naturais de Galicia, posto en marcha polas consellerías de Medio Ambiente e Cambio Climático e de Cultura, Lingua e Xuventude, en cuxas actividades as persoas participantes levan a cabo tarefas de limpeza, sinalización, eliminación de especies exóticas invasoras e catalogación de fauna e flora.
De feito, esa participación cidadá tamén resulta de gran valor para a investigación xa que permite obter importantes volumes de datos en aspectos como a biodiversidade, o cambio climático ou a conservación. Así, a divulgación dos valores ambientais é outra pata clave á hora de concienciar e sensibilizar á poboación sobre estas cuestións e reforzar o compromiso da cidadanía coa sostibilidade.
Durante a súa intervención, a directora xeral tamén indicou que a implicación da comunidade local é fundamental para acadar restauracións duradeiras xa que supoñen un enfoque sistémico que integra os aspectos ecolóxico, social e económico, promovendo un desenvolvemento equilibrado e respectuosos cos recursos naturais. De feito, as comunidades que participan nestes procesos de restauración contribúen tamén ao seu seguimento, á súa xestión e continuidade garantindo así o seu éxito a longo prazo.