A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático e a alcaldesa asinaron hoxe o protocolo de colaboración que permitirá executar as obras de acondicionamento

A Xunta destinará 60.000 € á construción dun parque canino no lugar de Cubeliños, en Ribeira

O goberno galego executará os traballos, mentres que o Concello porá os terreos á disposición e se encargará do mantemento e conservación posterior das instalacións

Tras impulsar os primeiros parques caninos urbanos en cidades galegas, a Consellería inicia agora unha segunda fase desta iniciativa estendéndoa tamén a concellos de menor tamaño pero co mesmo compromiso co benestar animal 

Ángeles Vázquez salienta a importancia cada vez maior que lle dá a cidadanía a este tipo de dotacións e recorda que no caso concreto de Ribeira hai 7.323 cans inscritos, o que supón 1,35 exemplares por cada 5 veciños no termo municipal 

Ribeira (A Coruña), 22 de xullo de 2026

A Xunta destinará máis de 60.000 euros á construción dun parque canino en Ribeira, localizado no lugar de Cubeliños e que grazas a este investimento permitirá dotar o municipio dun espazo seguro, funcional e adaptado ás necesidades actuais dos animais de compañía e das súas familias. 

Así o acordaron esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, que asinaron o protocolo de colaboración en virtude do cal ambas administracións se comprometen a executar a construción total do parque canino. 

Nesta liña, o departamento autonómico asumirá o custo íntegro da actuación e encargarase de licitar e executar os traballos, mentres que o Concello porá á disposición e libres de cargas os terreos necesarios para acometer as obras de construción previstas, ademais de facerse cargo do posterior mantemento e conservación das instalacións, unha vez rematada a intervención. 

En canto ás características do futuro parque, que contará cunha superficie de 1950 metros cadrados, construiranse portas de dobre acceso, fontes de auga adaptadas para cans, papeleiras e dispensadores de bolsas hixiénicas e bancos para as persoas usuarias. Ademais, será un espazo amplo para o paseo e a socialización dos animais con vexetación, zonas de sombra, boa iluminación e unha área de xogo con obstáculos e ramplas para favorecer o exercicio. 

Neste sentido, Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola delegada terriorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, salientou a importancia cada vez maior que ten para a cidadanía poder dispoñer nos seus propios municipios deste tipo de espazos dotacionais, ben equipados, amplos e deseñados para favorecer o exercicio, o xogo e a socialización dos seus animais de compañía, con liberdade e sen necesidade de correas ou bozos. 

Para cubrir estas necesidades, lembrou que o ano pasado o seu departamento puxo en marcha unha iniciativa para promover da man dos concellos a construción de parques caninos nas grandes cidades  galegas, que concentran máis do 20% dos case 740.000 cans inscritos no Rexistro galego de identificación de animais de compañía (Regiac). 

Tras salientar que ata o momento a Xunta xa asinou protocolos de colaboración cos concellos de Ferrol, Ourense, Pontevedra e Lugo con este fin, a responsable autonómica explicou que o acordo con Ribeira se enmarca nunha nova fase da iniciativa, aberta tamén agora a municipios de menor tamaño e igualmente comprometidos co benestar dos animais de compañía, á que xa se uniu o concello coruñés de Oroso. 

Ao respecto, explicou que Ribeira -con 7.323 cans inscritos no Regiac, é dicir, 1,35 cans por cada 5 veciños- foi un dos primeiros concellos en amosar formalmente o seu interese en participar no programa e hoxe convértese no sexto municipio galego que acada o compromiso de colaboración da Xunta neste eido.  

Outras accións de benestar animal 

Ademais de seguir impulsando a mellora ou creación de parques caninos da man dos concellos, en 2026 a Xunta tamén dará outro paso importante en materia de benestar animal. Así, nos vindeiros meses comezarán as obras do Centro de Protección Animal de Galicia, en Curtis, o primeiro de carácter autonómico e baixo a titularidade do Goberno galego, que terá un custo de 4,5 millóns de euros e dará servizo a uns 500 animais.

Do mesmo xeito, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático tamén convocou este ano por un importe global de 1,36 millóns de euros tres liñas tanto para concellos e entidades que se ocupan de atender e coidar aos animais de compañía abandonados; como para particulares dispostos a adoptar un can ou un gato. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/07/2026