A Xunta destaca a xornada FP–Industria Alimentaria no CIFP Manuel Antonio como unha oportunidade para reforzar a formación do alumnado

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, clausurou en Vigo a terceira edición deste encontro, que contou con poñentes de referencia no ámbito da innovación

Vigo, 30 de xaneiro de 2026

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, clausurou a III Xornada FP–Industria Alimentaria. A innovación contada polas empresas, celebrada no Centro Integrado de Formación Profesional Manuel Antonio. Durante o acto, a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP subliñou a importancia deste tipo de iniciativas para que o alumnado “aprenda dos mellores e transforme os coñecementos adquiridos en oportunidades reais para o seu futuro profesional”.

A xornada, organizada polo propio centro educativo, contou con intervencións de profesionais destacados do sector alimentario e da calidade e a innovación empresarial, como a xefa de Sistemas de Xestión de I+D+i de Pescanova, Chini Porro Quintela, e a responsable de R&D, Almudena Pena Jove; o director de AENOR Galicia, José E. Rodríguez Coello; o responsable de Mellora Continua de Albo, Rafael Iniesta Soto, e o responsable TIC da mesma empresa, David González Vázquez. Ademais, celebrouse unha mesa redonda baixo o título A necesidade de colaborar para innovar, na que participaron representantes das empresas Clusaga, Triple Alpha e Cortes de Muar.

O conxunto das ponencias puxo de manifesto a importancia da conexión entre a oferta da Formación Profesional e as demandas reais do tecido produtivo, contribuíndo a mellorar a empregabilidade do alumnado e a súa adaptación a un mercado laboral cada vez máis esixente. Durante a súa intervención, a directora xeral agradeceu o compromiso do profesorado e do equipo directivo do centro pola organización desta xornada, “cuxo labor garante que a mocidade dispoña das ferramentas necesarias para desenvolverse nunha sociedade en constante transformación”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/01/2026