A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, xunto ao titular de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, participou hoxe na xornada Fondos para unha transición xusta: Oportunidades de futuro
A Xunta convoca 100 M€ dos Fondos de Transición Xusta para impulsar a reindustrialización e o emprego nas zonas afectadas polo peche das Pontes e Meirama
O DOG publica hoxe as novas convocatorias destinadas a atraer grandes proxectos tractores e ao apoio de pequenas e medianas empresas na provincia da Coruña
“Non estamos aquí para falar de peches, senón de aperturas, de novos proxectos nestas comarcas”, dixo Lorenzana
Corgos sinala que os fondos europeos son un dos principais motores do desenvolvemento económico de Galicia
As Pontes de García Rodríguez (A Coruña), 30 de xaneiro de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe a convocatoria das novas liñas de axuda que mobilizarán máis de 100 millóns de euros do Fondo de Transición Xusta para atraer grandes proxectos industriais e apoiar ás pemes na provincia da Coruña, tal e como sae hoxe publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG). O obxectivo, remarcou, pasa por impulsar a reindustrialización e o emprego nas zonas afectadas polo peche das centrais térmicas das Pontes e Meirama.
Así o destacou durante a xornada Fondos para unha transición xusta: Oportunidades de futuro, na que tamén participou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e onde reafirmou o compromiso do Goberno galego coa reactivación económica deses concellos pero tamén dos territorios limítrofes (comarcas de Ferrolterra, Eume e Ordes, así como os concellos de Laracha, Carral, Ortigueira, Cerdido e Mañón). Os proxectos subvencionables deberán localizarse nalgún destes lugares.
A conselleira destacou que mañá abrirá o prazo para a liña de axudas para a cal a Xunta destina 80 M€ co obxectivo de financiar proxectos de descarbonización e renovación industrial de compañías tractoras, con capacidade para transformar o tecido produtivo, modernizar os procesos industriais e xerar actividade económica sustentable a medio e longo prazo.
Pola súa banda, a Xunta destina outros 22 millóns de euros a unha nova edición de préstamos parcialmente reembolsables para pemes da provincia da Coruña que poderán solicitarse a partir do vindeiro 9 de febreiro.
O prazo de presentación de solicitudes é de tres meses en ambos os casos, co obxectivo de facilitar ás empresas o acceso ás axudas e ao financiamento previsto nestas liñas de apoios cofinanciadas pola Unión Europea a través do programa do Fondo de transición xusta 2021-2027.
Loitar contra “o non por sistema”
“Non estamos aquí para falar de peches, senón de aperturas, de novos proxectos nestas comarcas”, dixo Lorenzana, quen tivo palabras de agradecemento a todos os traballadores que “foron quen de converter estas dúas comarcas e todas as áreas de influencia nunhas zonas industriais de primeiro nivel en toda España”.
“Agardo que estas axudas, xunto con todo o traballo que estamos facendo os propios empresarios, os traballadores e a administración, consigan que esta zona de Galicia, absolutamente industrial, continúe séndoo”, proseguiu, para apuntar: “Se tivésemos organizado este proceso de transición nas Pontes con esa colaboración que se espera da administracións, sen dúbida algunha, houbera sido bastante máis xusta”.
Neste contexto, Lorenzana apelou a “loitar contra o non por sistema”. “Non pode ser que cada vez que se propoña unha iniciativa empresarial, industrial ou enerxética, haxa xente disposta a dicir que non sen nin sequera saber de que vai esa iniciativa”, subliñou. “Iso fai que Galicia perda oportunidades e que as gañen outros territorios. Galicia non está no pasado”, remarcou.
A Xunta e os interlocutores sociais máis representativos de Galicia (UGT, CCOO, Asime e a Confederación de Empresarios da Coruña) asinaron o Plan de Actuacións Integral (PAI) As Pontes-Meirama 2025-2028, para a recualificación profesional, mellora da empregabilidade e a reinserción ao mercado laboral das persoas traballadoras afectadas polos peches das centrais. Dentro deste plan, destaca o proxecto Activa Verde, orientado a atender a 900 participantes con programas de orientación, formación en enerxías renovables e apoio á recolocación.
A importancia dos fondos europeos
Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou a importancia da Unión Europea na realidade empresarial de Galicia. “Galicia é Europa”, aseverou, “e os fondos europeos son un dos principais motores do noso desenvolvemento económico”. Trátase de investimentos reais que permiten “innovar, medrar, modernizar procesos, apostar pola transición verde, internacionalizarse e xerar emprego de calidade. En definitiva, concluíu Corgos, “son ferramentas clave para que o tecido produtivo galego avance.”
Miguel Corgos encargouse de moderar a mesa Experiencias reais: os fondos europeos activan oportunidades para as empresas, na que tres empresarios expuxeron o que o apoio dos fondos supón na súa realidade e o seu impacto no crecemento dos seus negocios, na súa competitividade e no territorio.