O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participou na inauguración do retablo de San Tomé de Ancorados, na Estrada
López Campos destaca a “posta en valor do patrimonio artístico que atesouran as igrexas”
A intervención levouse a cabo cunha achega da Xunta de 51.000€ no marco dun convenio co concello estradense e a Diocese de Santiago de Compostela
O responsable de Cultura do Goberno galego fixo fincapé, ademais, na aparición dunhas pinturas murais “nas que actuamos especialmente para a súa recuperación”
Incide no compromiso “coa rehabilitación e conservación dos bens culturais para a veciñanza e as xeracións futuras”
A Estrada (Pontevedra), 30 de xaneiro de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe na inauguración do retablo que foi restaurado na igrexa de San Tomé de Ancorados, na Estrada, cunha achega da Xunta de de preto de 51.000€ no marco, apuntou, “das actuacións que impulsamos para a rehabilitación e conservación do patrimonio artístico que atesouran os templos galegos”.
Neste senso, tal e como explicou o responsable autonómico de Cultura, a intervención levouse a cabo ao abeiro dun convenio entre o Goberno galego, o Concello da Estrada e a Diocese de Santiago de Compostela, “permitindo poñer en valor o conxunto e mantelo nas mellores condicións, preservando esta peza tanto para a veciñanza como para as xeracións futuras”, puntualizou. Así mesmo, indicou que este tipo de iniciativas “súmanse ás que acometemos para arranxar as propias estruturas das igrexas como parte dos nosos bens patrimoniais e que sofren o deterioro do paso do tempo”.
Así, no acto lembrouse que o retablo presentaba perda de elementos decorativos, ataque de insectos xilófagos, faltas de policromía, repintes xeneralizados e remodelacións estruturais que requerían dun proceso de restauración nesta peza de estilo barroco. Ademais, López Campos, fixo fincapé na aparición durante os traballos de restos de pinturas murais no peche do muro da cabeceira “sobre as que actuamos especialmente para a súa recuperación e posta e valor”. Trátase dunha pintura datada no século XVI e inicios do XVII da que non se coñece a autoría. Está realizada na técnica de medio fresco representando a un Pantocrator apocalíptico sentado en maxestade sobre a bóla do mundo e amosando as palmas das mans coas chagas da paixón.
A igrexa de San Tomé de Ancorados é un edificio románico. Non se conservan documentos fundacionais polo que é difícil precisar a súa cronoloxía, pero podería datarse a finais do S. XII. O templo tivo varias reformas como foi a adición da sancristía no século XVIII e a reforma de muros e fachada, incluída a espadana, en época barroca. En 1716 reforzáronse os muros do corpo da igrexa e reparouse o arco toural da capela maior, que ameazaba ruína.