A directora xeral de Patrimonio Natural visitou o espazo protexido con representantes da Entidade local menor Pazos de Reis e da comunidade de montes de Rebordans
A Xunta mobiliza máis de 660.000 € en investimentos para reforzar a conservación e o uso público sostible do Parque Natural do Monte Aloia
Entre as accións executadas ou programadas no período 2025-2026, Marisol Díaz destaca a eliminación de especies exóticas invasoras, a restauración de hábitats, o acondicionamento de pistas e rutas e a mellora das instalacións recreativas
A maiores, anuncia a concesión dunha axuda á entidade local menor Pazos de Reis para completar a mellora do parque forestal da Macoca coa ampliación da área infantil
Tui (Pontevedra), 6 de agosto de 2026
A Xunta de Galicia está a mobilizar investimentos no Parque Natural do Monte Aloia por un importe de máis de 660.000 euros a través da execución e planificación de diversas actuacións destinadas a reforzar a conservación dos principais valores deste espazo e a garantir un uso público sostible e compatible co seu nivel de protección.
Así o anunciou a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, quen visitou precisamente hoxe esta área natural acompañada por representantes da Entidade local menor Pazos de Reis e da comunidade de montes de Rebordans, propietarias de terreos dentro do ámbito do parque natural.
En concreto, a directora explicou que entre as accións xa executadas ou programadas pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático no Monte Aloia para o período 2025-2026 destaca o control e a eliminación de especies exóticas invasoras e, en concreto, de acacia negra; a recuperación de hábitats propios do parque natural, como son os bosques aluviais e alcornocais; a renovación de carteis e da sinalización; o acondicionamento de pistas, rutas e sendeiros para reforzar a mobilidade polo parque natural, ou a mellora das instalacións recreativas deterioradas polo tempo.
A maiores, a directora explicou que no marco da orde de axudas que convocou este ano o seu departamento para apoiar estudos ou investimentos ligados á conservación e recuperación do patrimonio natural e cultural dos espazos protexidos galegos, tamén se resolveu conceder unha achega por importe de case 20.000 euros á entidade local menor Pazos de Reis para executar a ampliación do parque infantil da Macoca.
Con esta actuación, que prevé reforzar a seguridade desta área de lecer e renovar e ampliar os elementos de xogo, Marisol Díaz explicou que se complementarán os traballos executados tamén polo seu departamento o ano pasado na área recreativa da Macoca e que incluíron, entre outras actuacións, labores de mantemento da contorna, sinalización de elementos de interese e a instalación dunha tirolina dentro da área infantil.
Tal e como subliñou a directora xeral, o esforzo investidor no Monte Aloia é un bo exemplo da aposta que fai a Xunta por combinar a execución de actuacións directas que contribúan á conservación e protección dos espazos naturais galegos amparados baixo algún tipo de figura de protección, ao tempo que se contribúe á divulgación dos seus valores patrimoniais e ambientais mediante o fomento dun uso público respectuoso coa dotación de infraestruturas e accesos adaptados ás necesidades dos visitantes.