A Xunta convoca as primeiras axudas de 2026 para o apoio ás entidades deportivas
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de subvencións para o desenvolvemento de actividades deportivas destinada a clubs, sociedades anónimas, seccións e núcleos de adestramento especializado de Galicia
O pasado ano houbo máis de 1.400 beneficiarias desta medida dotada con 2 millóns de euros
Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2026
O Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria de axudas a clubs deportivos, sociedade anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento deportivo especializado (NADE) de Galicia para o desenvolvemento de actividades deportivas, dotada con 2 millóns de euros. As contías son de ata 10.000 euros para os clubs e de ata 25.000 euros para os NADE.
A medida vai dirixida ás entidades inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia (REDEGA), cos datos actualizados. Para poder acceder ás axudas é preciso non ter sido sancionada pola federación no ano anterior á convocatoria por condutas violentas, racistas, xenófobas ou intolerantes provocadas polas persoas asistentes, e non discriminar por razón de xénero nos premios ou recoñecementos que outorguen, entre outros requisitos.
Requírese ademais estar correctamente inscrita na aplicación Actfis-Galicia Activa (https://actfis.xunta.gal), que sustenta o Rexistro de Instalacións Deportivas de Galicia. Débese tamén ter aprobado o Protocolo de Protección dos Nenos, Nenas e Adolescentes fronte a Violencia no Deporte, e designada a persoa Delegada de Protección correctamente inscrita no REDEGA.
Entre os gastos subvencionables inclúense licenzas, seguros deportivos, inscricións en competicións, arbitraxes, adestradores/as, desprazamentos, manutención e aloxamento, material deportivo non inventariable, produtos de farmacia, aluguer de instalacións, persoal e servizos de profesionais de apoio ao rendemento. Para os NADEs, ademais de todo o anterior, cóbrense tamén gastos correntes. No caso dos clubs os gastos deben ser do exercicio 2025 e no dos NADEs os efectuados entre o 1 de decembro do pasado ano e 30 de novembro de 2026.
Criterios de valoración
En canto aos criterios de valoración que determinan o importe da subvención, figuran a relevancia da actuación deportiva da entidade, o número de deportistas e adestradores federados, a participación nas principais competicións internacionais, o número de deportistas internacionais ou a participación en fases de ascenso.
Así mesmo, hai un conxunto de criterios puntuables non deportivos entre o que destaca as actuacións en prol da igualdade efectiva de homes e mulleres no deporte ou contra a violencia machista. De feito, este ano prímase novamente nos criterios de valoración o deporte feminino, xa que as licenzas femininas duplican o seu valor na puntuación respecto ás masculinas.
As entidades interesadas en acceder a esta liña de apoio deberán presentar as solicitudes a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal), no prazo dun mes contado a partir de mañá.
A anterior convocatoria desta medida beneficiou máis de 1.400 entidades deportivas. Por unha banda, 1.409 clubs repartíronse preto de 1,8 millóns de euros da primeira liña da convocatoria, con contías de ata 10.000 euros por beneficiario. A través da segunda liña, oito NADE distribuíronse máis de 200.000 euros.
Os NADE responden á necesidade de abarcar e promover as distintas realidades da preparación en tecnificación deportiva especializada existentes na Comunidade Autónoma. Engloban o conxunto de medios humanos e materiais xestionados por unha entidade deportiva que teña por finalidade a preparación técnico-deportiva orientada ao alto nivel ou ao alto rendemento deportivo.