Javier Arias destaca o apoio da Xunta á Facultade de Veterinaria no primeiro encontro institucional co novo decano
Lugo, 2 de febreiro de 2026
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo hoxe o primeiro encontro institucional co novo decano da Facultade de Veterinaria de Lugo, Fernando Muñoz, a quen lle trasladou o “firme compromiso” da Xunta co centro lucense, ao que definiu como “un puntal” do Campus Terra.
Durante a reunión, o delegado destacou o prestixio da facultade lucense, “un referente a nivel nacional e europeo tanto pola calidade do ensino como pola actividade investigadora e a atención hospitalaria que se desenvolve arredor da propia titulación, co Centro de Biomedicina e Veterinaria Cebiovet e o Hospital Veterinario Universitario Rof Codina”.
Lembrou, ademais, que este centro foi o primeiro da USC en obter o selo de excelencia creado pola Administración autonómica no ano 2023 para as titulacións de grao, unha distinción con vixencia de seis cursos académicos -con posibilidade de renovación- cunha unha achega extraordinaria de 360.000 euros en total no marco do Plan Galego de Financiamento Universitario, destinada a reforzar a calidade e a innovación do seu proxecto formativo.
Nesa mesma liña, Arias puxo en valor outros apoio que a Xunta vén prestando á facultade de Veterinaria a través de distintas liñas de colaboración, especialmente en materia de formación práctica, investigación aplicada, seguridade alimentaria e transferencia de coñecemento ao sector produtivo. Neste senso, referiuse á cooperación a través de centros e organismos dependentes da Administración autonómica, “que permiten ao alumnado complementar a súa formación práctica e achegarse á realidade profesional, contribuíndo así á innovación e á mellora da competitividade do noso sector primario”.
O delegado territorial incidiu no papel “vertebrador” da Facultade Veterinaria dentro do Campus Terra, “clave para consolidar a cidade como polo universitario e científico, capaz de atraer e reter talento, e contribuír á dinamización económica e social do territorio”. O compromiso coa consolidación do campus tradúcese tamén na renovación da súa acreditación como campus de especialización, “que permitirá asegurar o seu modelo académico e investigador, e reforzar o seu financiamento con máis de 4 millóns de euros”. Esta nova contía súmase aos máis de 8,8 millóns que o Goberno galego leva achegados a esta iniciativa desde a súa posta en marcha en 2013.