A Xunta aposta por un deporte cada vez máis igualitario, inclusivo e transparente
O secretario xeral para o Deporte compareceu hoxe no Parlamento galego para dar conta dos retos en materia deportiva para 2026
O Goberno galego destina neste exercicio case 42 millóns de euros para seguir apoiando o deporte base, o labor das entidades deportivas e a alta competición, entre outras accións
Seguirase investindo en melloras nas instalacións e equipamentos deportivos públicos da comunidade
Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2026
O secretario xeral para o Deporte, Roberto García, compareceu hoxe a petición propia na Comisión 1ª do Parlamento de Galicia para dar conta dos restos en materia deportiva para o ano 2026, no que a Xunta seguirá apostando por un deporte cada vez máis igualitario, inclusivo e transparente. Para Roberto García, o deporte debe ser entendido como ferramenta de crecemento da comunidade e, con este obxectivo, conta en 2026 cun orzamento de case 42 millóns de euros.
Segundo destacou o secretario xeral, para este ano quérese máis deporte base e máis programa Xogade, dirixido especificamente a promover a práctica da actividade física entre a poboación escolar e que conta coa colaboración das 32 agrupacións deportivas escolares existentes en Galicia. Nesta tempada o programa abrangue 16 modalidades e suma 39 federacións adheridas. Roberto García insistiu en que se seguirán promocionando diferentes disciplinas deportivas entre a rapazada e traballando para incrementar a participación dos escolares, que a tempada pasada foi de máis de 146.000 nenos e nenas, o que representa máis do 66% da poboación galega nesta franxa de idade.
Neste marco de acción, Roberto García incidiu tamén no importante papel das federacións, coas que a Xunta leva anos desenvolvendo unha política de estreita colaboración, tanto programática como económica. Así, neste exercicio destínanse 5,5 millóns de euros a convenios con estas entidades, que se asinarán neste mesmo mes para garantir o seu normal funcionamento.
No relativo aos convenios para 2026, o secretario xeral destacou como novidade a existencia dos plans contra a violencia, que van a ter un específico financiamento público para este exercicio. Avánzase así nas medidas de prevención e educación “contra esa lacra do deporte que é a violencia e os comportamentos contrarios aos valores deportivos”, apuntou. As convocatorias de axudas para a actividade e para o equipamento dirixidas a federacións e clubs son outras das medidas de apoio do Goberno galego ás entidades deportivas e ao deporte base en xeral.
Apoio á alta competición
Na súa intervención, Roberto García referiuse tamén ao deporte de alto nivel, que suma preto de 1800 deportistas galegos recoñecidos. Para o secretario xeral, trátase “dun número histórico que está intimamente ligado á sólida base polideportiva existente na nosa comunidade”. Nesta liña, fixo especial fincapé no incremento de mulleres deportistas con recoñecemento de alto nivel, que pasaron de ser 95 en 2011 a 740 na actualidade. Trátase de “mulleres referentes das nenas e nenos galegos para a consecución da tan ansiada igualdade e paridade pola que traballamos”, afirmou.
O secretario xeral para o Deporte lembrou as principais medidas impulsadas pola Xunta para apoiar este colectivo, como son as bolsas, dotadas con 800.000 euros e que este ano van beneficiar preto de 600 deportistas, e a Oficina de Atención ao Deportista. Con respecto a esta última, avanzou que para este 2026, a estratexia da acción oriéntase a mellorar “a recollida de información desde o momento do recoñecemento do deportista, para anticipar necesidades e personalizar itinerarios de apoio”. A maiores, “impulsaranse novas liñas formativas en ámbitos clave como a marca persoal, a empregabilidade dixital e a capacitación profesional, en colaboración con entidades especializadas”, engadiu.
Pola súa banda, os clubs de alta competición seguirán contando cos plans de patrocinio, que en 2025 distribuíron preto de 5 millóns de euros entre case 300 equipos. Roberto García destacou tamén o papel do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) na alta competición, que conta cun investimento anual de 2,9 millóns de euros e onde adestran actualmente 166 deportistas de 13 disciplinas.
Melloras en instalacións deportivas
Así mesmo, Roberto García referiuse á importante rede de instalacións e equipamentos deportivos públicos galegos, nos que a Xunta seguirá realizando importantes investimentos. Nesta liña, están previstas actuacións no parque acuático de Monterrei, no Pereiro de Aguiar; obras de eficiencia enerxética no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, obras de reforma e mellora do Anxo Carro; a renovación de pantaláns do complexo náutico e campo de regatas de Verducido-David Cal; ou as obras de reparación e mellora do pavillón polideportivo de Elviña II na Coruña, entre outras.