O conselleiro de Sanidade, acompañado polo xerente do Sergas, explicou, en rolda de prensa os principais obxectivos dos Acordos de Xestión asinados para este ano coas sete áreas sanitarias

Gómez Caamaño salienta a atención á saúde mental, a integración asistencial e a mellora dos tempos de acceso como prioridades de xestión do Sergas en 2026

Subliña que os acordos definen 53 obxectivos, coa finalidade clara de priorizar mellor, elevar os obxectivos fixados e facilitar o seguimento efectivo dos compromisos adquiridos

Explica que os obxectivos de xestión sanitaria da Xunta se agrupan en torno a tres eixes primordiais: a asistencia sanitaria, os recursos humanos e os recursos económicos

Reforzarase a prevención e a promoción da saúde, con medidas como o impulso da vacinación, sobre todo a infantil, e accións específicas fronte á obesidade e o tabaquismo

A abordaxe do cancro desde unha perspectiva integral é outro dos obxectivos, promovendo a adopción no Sergas dos estándares máis elevados marcados no Plan Europeo contra esta enfermidade

No eido da saúde mental, ademais da posta en marcha a rede de psicólogos clínicos, aprobarase o Plan estratéxico en saúde mental, consolidaranse vías rápidas de atención ao risco suicida e potenciarase a videoconsulta como ferramenta de apoio

Os acordos hoxe asinados tamén reflicten a vontade da Xunta de ofrecerlle á cidadanía tempos de acceso cada vez máis curtos, poñendo o acento nas prioridades clínicas

En materia de recursos humanos, o Sergas reforzará o compromiso co benestar dos profesionais e coa súa saúde laboral, tendo en conta a próxima aprobación da modificación da Lei de Saúde para loitar contra as agresións no ámbito sanitario

Continuarase co traballo para reducir a temporalidade e para a cobertura das prazas vacantes, ademais de manter o compromiso coa mellora do seguimento e control dos procesos de incapacidade temporal

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou que atención á saúde mental, a integración asistencial e a redución dos tempos de acceso a cirurxías, consultas e probas diagnósticas, están entre as prioridades máis destacadas nos obxectivos dos Acordos de Xestión para este ano que o Servizo Galego de Saúde asinou hoxe coas sete áreas sanitarias.

O titular da carteira sanitaria, acompañado polo xerente do Sergas, José Ramón Parada, explicou en rolda de prensa os obxectivos dos Acordos de Xestión, que previamente foron asinados cos xerentes das sete áreas sanitarias.

O conselleiro referiu que os acordos definen 53 obxectivos, coa finalidade clara de priorizar mellor, así como de elevar as metas e facilitar o seguimento efectivo dos compromisos adquiridos.

Segundo explicou Gómez Caamaño, os obxectivos dos acordos definen as políticas sanitarias da Xunta e agrúpanse en tres eixes que son a asistencia sanitaria, os recursos humanos e os recursos económicos.

No que atinxe á asistencia sanitaria, acada o 60 % do peso total dos acordos, con indicadores orientados a resultados en saúde e calidade da atención. Os recursos humanos, cun 20 % dos indicadores, céntranse na procura do benestar dos profesionais do Sergas. Polo que respecta aos recursos económicos, co 20 % do peso restante, buscan a xestión máis eficiente e a sostibilidade do sistema.

Obxectivos principais

Na súa explicación dos acordos, o conselleiro dixo que, en primeiro lugar, o seu departamento reforzará a prevención e a promoción da saúde, con medidas como o impulso da vacinación, sobre todo a infantil, e accións específicas fronte á obesidade e o tabaquismo, ademais de melloras nos programas de cribado de cancro.

Precisamente a abordaxe do cancro desde unha perspectiva integral, está recollida nos acordos de xestión, promovendo a adopción no Sergas dos estándares máis elevados marcados no Plan Europeo contra esta enfermidade.

Polo que atinxe á saúde mental, ademais da posta en marcha da rede de psicólogos clínicos, aprobarase o novo Plan estratéxico de saúde mental. Ademais, consolidaranse as vías rápidas de atención ao risco suicida tanto en adultos como en poboación infanto-xuvenil; potenciarase a videoconsulta como ferramenta de apoio á continuidade asistencial e incidirase na mellora do seguimento e a intervención precoz para reducir a taxa de ingresos.

Estes acordos hoxe asinados tamén reflicten a vontade da Xunta de ofrecerlle á cidadanía tempos de acceso cada vez máis curtos, poñendo o acento nas prioridades clínicas. Ao respecto, o conselleiro incidiu na dificultade deste obxectivo, dado o escenario marcado pola falta de profesionais e as folgas contra o Estatuto Marco que promove o Ministerio de Sanidade.

A continuidade asistencial é outro dos obxectivos do Sergas. Neste eido, Gómez Caamaño sinalou o propósito de implantar en todas as áreas sanitarias un sistema eficaz de integración asistencial entre atención primaria e hospitalaria que blinde unha continuidade da atención en base a criterios de prioridade e coordinación.

A aposta pola innovación é outra das áreas sinaladas polo conselleiro como prioritarias, abranguendo dende a extensión da atención ao domicilio ao uso das ferramentas dixitais de seguimento de pacientes, e ampliando sistemas como a dispensa personalizada de medicamentos.

En materia de recursos humanos, o Sergas reforzará o compromiso co benestar dos profesionais e coa súa saúde laboral, no ano en que se agarda a entrada en vigor da reforma da Lei de Saúde para previr a violencia no eido sanitario.

Tamén continuará a traballar o departamento sanitario galego na redución da temporalidade e na cobertura das prazas vacantes.

Xunto ao anterior, os acordos de xestión recollen o compromiso coa mellora do seguimento e control dos procesos de incapacidade temporal.

Dende o punto de vista dos recursos económicos, o Sergas consolidará unha xestión baseada na eficiencia e o control do gasto farmacéutico, así como na compra centralizada e no rigor do gasto para ser máis sostibles, sen renunciar á calidade da atención sanitaria.

Para concluír a súa intervención, o titular de Sanidade dixo que, coa sinatura destes acordos, o seu departamento pretende seguir a avanzar cara a un sistema sanitario público eficiente e cohesionado, con medidas eficaces que teñan un impacto real na saúde.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/02/2026