O conselleiro de Sanidade, acompañado da directora científica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, interveu na inauguración da xornada Retos en VIH: buscando solucións aos novos desafíos
O Plan Sexsan da Xunta inclúe a realización do primeiro cribado oportunista de VIH nos tramos de idade de maior incidencia co fin de erradicalo como problema de saúde pública en 2030
O titular da carteira sanitaria sinala que os últimos datos amosan unha tendencia descendente do VIH, cunha media en Galicia de 5,1 casos por 100.000 habitantes, manténdose a comunidade por debaixo das taxas españolas
Refire que existen en Galicia máis de 7.600 persoas con algún tratamento antirretroviral, das que, máis de 6.400 están diagnosticadas con infección polo VIH
No ano 2024, o investimento realizado pola Xunta nestes tratamentos superou os 33,5 millóns de euros
Agradece ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e á súa directora científica o seu traballo e compromiso neste campo
A directora científica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, Eva Poveda, subliña a necesidade de acurtar a distancia entre a evidencia científica e o seu impacto real, o que require dunha abordaxe multidisciplinar
Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2026
O Plan galego de infeccións de transmisión sexual da Xunta (Plan Sexsan) inclúe a realización do primeiro cribado oportunista de VIH nos tramos de idade de maior incidencia, tanto en atención primaria como en hospitalaria, co fin de erradicalo como problema de saúde pública no ano 2030 e fixándose o obxectivo de acadar unha redución anual da incidencia do 5 %.
Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, na inauguración da xornada Retos en VIH: buscando solucións aos novos desafíos, na que estivo acompañado da directora científica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, Eva Poveda.
Na súa intervención, o conselleiro explicou que os últimos datos amosan unha tendencia descendente do VIH, cunha media en Galicia de 5,1 casos por 100.000 habitantes, por baixo do conxunto do Estado, con 7 casos por 100.000 habitantes. Respecto da mortalidade na nosa comunidade, Gómez Caamaño dixo que é moi baixa, situándose en menos dun caso por cada 100.000 habitantes.
Polo que atinxe aos tratamentos, o titular de Sanidade dixo que existen máis de 7.600 persoas con algún tratamento antirretroviral en Galicia. Delas, máis de 6.400 están diagnosticadas con infección polo VIH e máis de 1.100 son persoas non infectadas ás que se lles prescribiu tratamento antirretroviral preventivo.
A Xunta está especialmente implicada na accesibilidade ao tratamento para as persoas infectadas, a través da normativa que garanta esa accesibilidade. Así, so no ano 2024, o investimento realizado nestes tratamentos superou os 33,5 millóns de euros.
Tamén Sanidade ten en marcha o programa Urxencias VIHXÍA, consistente nun cribado oportunista de VIH nos servizos de urxencias.
Outras iniciativas da Xunta neste eido son o programa Quérote +, vinculado aos centros de asesoramento da Consellería de Política Social que traballan coa mocidade en temas de sexualidade, ou Xente con Don, para promover a prevención e a educación sobre prácticas sexuais de risco entre o alumnado de ESO, Bacharelato e FP.
Gómez Caamaño subliñou que o apoio psicolóxico mellora a adherencia aos tratamentos e reduce o estigma, ademais de contribuír á calidade de vida das persoas afectadas.
Para rematar a súa intervención, o titular de Sanidade agradeceu ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur e á súa directora científica o seu traballo e compromiso no campo do VIH/Sida.
Espazo de actualización e debate
Pola súa parte, a directora científica do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, Eva Poveda, dixo que é necesario acurtar a distancia entre a evidencia científica e o seu impacto real, o que require dunha abordaxe multidisciplinar.
Este encontro que hoxe se celebra, -proseguiu a directora- nace como un espazo de actualización e debate, para compartir novidades en prevención, biomarcadores, comorbilidades e saúde mental, e identificar prioridades que contribúan a mellorar a saúde e a calidade de vida das persoas que viven con VIH.
Tamén referiu que a xornada conta cun panel de expertos, protagonistas de avances relevantes e de deseño de estratexias de prevención en VIH, cuxa experiencia achega unha visión rigorosa, actualizada que resulta clave para enriquecer o debate da xornada.