O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou no Colexio Agro do Muíño de Ames na presentación de ‘Galicia explora o ceo’

A Xunta presenta unha ampla programación científica para divulgar a eclipse solar do 12 de agosto entre os escolares de Galicia

Román Rodríguez destaca a eclipse como “unha oportunidade para a divulgación da ciencia entre o alumnado”, que é líder estatal en Ciencias segundo PISA

Esta iniciativa conta con 26 actividades destinadas a estudantes de todas as etapas para desenvolver durante este curso que poderán aínda incrementarse

Inclúe propostas inmersivas, laboratorios, robótica, exposicións, obradoiros, ‘escape room’, encontros con especialistas, un congreso e formación para docentes

O Goberno galego busca garantir, a través de propostas innovadoras, a observación segura e rigorosa da eclipse e promover o pensamento científico e crítico

Ames (A Coruña), 5 de febreiro de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe no Colexio Agro do Muíño, en Ames, na presentación de Galicia explora o ceo. Camiño da eclipse 2026, a programación divulgativa e científica da Xunta de Galicia nos centros escolares con motivo da eclipse de sol que “outorgará a Galicia unha situación privilexiada o próximo 12 de agosto”, sinalou.

A programación, coordinada polo Centro de Innovación Educativa e Dixital, articúlase en 26 iniciativas deseñadas para acompañar á comunidade educativa ao longo do curso e están organizadas en catro bloques cun enfoque interdisciplinar. Esta estrutura, aberta á incorporación de novas propostas doutras institucións científicas e divulgativas,  permite ofrecer propostas adaptadas ás distintas etapas educativas, combinando accións de observación e experimentación con actividades culturais e tecnolóxicas.

Neste sentido, a Consellería de Educación e Ciencia busca aproveitar o fenómeno astronómico entre o alumnado para integrar a ciencia, as humanidades, a arte e a cultura, así como impulsar a innovación e as vocacións STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas). Isto tamén posibilita a posta en práctica dos coñecementos aprendidos nas aulas e outorgaralles unha oportunidade formativa irrepetible para favorecer a cultura científica e o pensamento crítico, así como seguridade e responsabilidade social.

Catro bloque de actividades

Concretamente, o primeiro bloque (Ciencia, observación e seguridade) de actividades céntrase na compresión dos fenómenos astronómicos asociados ás eclipses e na promoción dunha observación segura, fundamentada e accesible. Inclúe oito iniciativas: o Galiverso explora o ceo, unha experiencia inmersiva; Astronomía escolar, unha exposición para ensinar ao alumnado a explorar o ceo; O ceo nas túas mans, que versa sobre astronomía accesible; Solarsafe, un obradoiro experimental sobre sistemas seguros de obsevación de eclipses; Eclipse Lab Expert, un encontro dixital con especialistas sobre a ciencia galega; Detectives do espectro, unha actividade de experimentación científica sobre as cores da luz; Ecocósmico, unha iniciativa guiada de investigación sobre o hidróxeno no universo, e Cazadoras de sobras, un proxecto de observación e medición.

O segundo bloque (Educación, comunidade e territorio) concibe a eclipse como un proxecto educativo colectivo, que transcende a aula e se estende á comunidade. Reúne iniciativas orientadas ao profesorado, aos Polos Creativos, ás bibliotecas escolares e á divulgación social, contando con outras oito actividades programadas. Son as seguintes: Pasaporte Explora o Espazo, un itinerario de retos desde os Polos Creativos; as xornadas divulgativas De Galicia ao espazo nos Polos Creativos, accións formativas para docentes galegos desde os Polos Creativos, divulgación científica en redes sociais para falar da eclipse desde a óptica de diferentes persoas investigadoras, Recursos que iluminan a través de cREAgal, recursos educativos abertos; un recurso itinerante baixo o nome de Maletas viaxeiras Lourenzo e Catalina xogan ás agachadas, Eclipselab 2026, unha biblioteca-laboratorio e o evento científico Congreso Invisibles 2026.

O terceiro bloque (Ciencia, arte e cultura) integra actividades que exploran a eclipse desde unha perspectiva cultural, artística e humanística. O obxectivo destas actividades, integradas por cinco iniciativas diferentes, é ampliar a cultura científica. Falamos de Relatos na penumbra, un proxecto de creación literaria; Sombras que pintan: arte, luz e cultura, unha actividade de creación artística; Constelacións de lenda: mitos para explicar o ceo, un obradoiro sobre cultura e tradición oral, Detectives da historia: as eclipses ao longo do tempo, para afondar na investigación histórica entre o alumnado, e Constelacións en foco: fotografía científica e creativa do ceo, pensada para a creación audiovisual.

Por último, o cuarto bloque (STEM e innovación educativa) conta con cinco actividades que se centran na tecnoloxía, na modelización científica, na robótica e na exploración espacial, dirixidas principalmente ás etapas de Secundaria, Bacharelato e FP. Trátase das actividades: Misión Eclipse: escape room científico, unha gamificación científica; Blader no cosmos, un proxecto de simulación 3D; Misión H₂0: destino Marte, a través de iniciativas de robótica educativa; a actividade de investigación guiada Misión orbital: vivir e investigar no espazo e a gamificación científica Código Umbra: operación eclipse no Eduardo Barreiros.

Alumnado comprometido co medio ambiente

Na presentación, na que o titular de Educación e Ciencia, estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participaron tamén os investigadores e catedráticos da Universidade de Santiago de Compostela Jorge Mira e Néstor Armesto.

A eles referiuse o conselleiro como expertos que “saben que a eclipse é un acontecemento que debemos aproveitar, e desde a Xunta de Galicia xa estamos traballando de cheo por reforzar o impacto positivo deste fito” a través dunha comisión interdepartamental que agrupa aos departamentos das consellerías de Presidencia, Xustiza e Deportes; Medio Ambiente e Cambio Climático; Educación, Ciencia, Universidades e FP e Sanidade, así como da Axencia Turismo de Galicia.

A este respecto, o representante do Goberno galego sinalou este fenómeno astronómico como “unha oportunidade de país, de marca Galicia Calidade, unha ocasión para unir ciencia, educación e sociedade nun proxecto común”. “E non só iso -incidiu-, senón que tamén supón unha oportunidade para a divulgación da ciencia entre o alumnado".

Román Rodríguez afirmou que a eclipse e esta programación divulgativa poden impulsar “aínda máis” o nivel do alumnado galego en ciencias e conciencia medioambiental. Os estudantes galegos lideran a primeira posición do Estado en competencia científica no informe PISA con 506 puntos, e moi por riba da media española e dos países da OCDE, que se sitúan en 485 puntos. É, de feito, oitavo do mundo. Así mesmo, no estudo TIMSS lideran os resultados de Conciencia medioambiental, onde obteñen 533 puntos, superando en 23 puntos os 510 do Estado, o que a coloca tamén como a primeira de España.

Actividades no Colexio Agro do Muíño

No marco desta presentación, o conselleiro aproveitou para coñecer os proxectos que desenvolve o Colexio Agro do Muíño. O centro leva realizado diferentes actividades vinculadas á eclipse e ao sistema solar, que desenvolve alumnado de diferentes niveis. Entre as actividades que realizan destacan maquetas do sistema solar, kits de iniciación á electrónica, xogos de scratch táctil ou actividades con protectores de chan, entre outros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/02/2026