A Xunta pon en valor os 50 anos do Centro Integrado de FP Coroso como referente formativo no Barbanza
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, destaca este medio século preparando profesionais cualificados e contribuíndo ao desenvolvemento da comarca
Ribeira (A Coruña), 27 de xuño de 2026
A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, participou hoxe no acto conmemorativo do 50 aniversario do Centro Integrado de FP Coroso, en Ribeira, un recoñecemento a cinco décadas de compromiso coa formación, a innovación e a empregabilidade de miles de persoas. A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP felicitou a toda a comunidade escolar polo bo traballo que se está a facer e destacou a súa capacidade para adaptarse aos cambios sociais, tecnolóxicos e ás necesidades do tecido produtivo do Barbanza.
A responsable de Formación Profesional da Xunta de Galicia subliñou tamén o peso do CIFP Coroso na cualificación dos veciños e veciñas da comarca cun centro que, no pasado curso, contou con preto de 1.200 alumnos e que continúa ampliando a súa oferta para dar resposta aos novos perfís profesionais que demanda o mercado laboral.
No marco desta aposta pola FP, Eugenia Pérez lembrou que permanece aberto ata o 30 de xuño o prazo de solicitude de admisión para o curso 2026/2027, no que Galicia ofrece unha cifra histórica de máis de 50.000 prazas de novo ingreso, incrementando a capacidade do sistema con máis dun milleiro de prazas adicionais respecto ao curso anterior.
Seis novas titulacións
No caso do Centro Integrado de FP Coroso, o próximo curso suporá un novo impulso coa incorporación de seis titulacións, integradas nas sete ensinanzas que se poñen en marcha na área de Ribeira. A ampliación permitirá reforzar áreas con alta demanda de emprego, contribuíndo a que o alumnado conte cunha formación cada vez máis especializada e adaptada ás necesidades reais das empresas, como é o caso de Electromécanica, Cociña e Restauración ou Xestión na produción na industria alimentaria.