O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, presidiu a reunión do padroado do Ifevi celebrada hoxe

O padroado do Ifevi aproba por unanimidade o prego técnico de contratación da asistencia técnica que elaborará os plans funcional e estratéxico do recinto

Proximamente lanzarase a licitación co fin de deseñar no menor prazo posible e con todas as garantías ambas ferramentas clave para orientar o desenvolvemento futuro do complexo con criterios de planificación, eficiencia e visión a longo prazo

Esta xuntanza realízase tras as celebradas no marco do grupo de traballo creado para potenciar o Ifevi e nas que se puxeron en común as principais necesidades e liñas de actuación que cómpre analizar

Na reunión tamén se informou de que en paralelo está en elaboración unha nova valoración homologada do recinto que encargou o propio Ifevi tralo consenso de Xunta, Concello de Vigo e Zona Franca para avanzar cara a gobernanza tripartita do recinto

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, presidiu hoxe a reunión do padroado do Ifevi na que se revisou e se aprobou por unanimidade o prego técnico para a licitación da asistencia técnica do proxecto dos plans funcional e estratéxico do recinto. Deste xeito, proximamente lanzarase a licitación co fin de deseñar no menor prazo posible e con todas as garantías, dentro deste espazo de colaboración público-privada ambas ferramentas clave para orientar o desenvolvemento futuro do complexo con criterios de planificación, eficiencia e visión a longo prazo.

Esta xuntanza, da que tamén formaron parte a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o director de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, realízase tras as celebradas no marco do grupo de traballo creado para potenciar o Ifevi e nas que se puxeron en común as principais necesidades e liñas de actuación que cómpre analizar. Entre elas, inclúense melloras operativas, cuestións relacionadas cos accesos e aparcamentos, e a reordenación de espazos, entre outros aspectos. Neste contexto, a tarefa principal é avanzar con axilidade e, ao mesmo tempo co rigor técnico que aporta o grupo de traballo, para que o Ifevi poida dispoñer canto antes dunha folla de ruta sólida, en beneficio de Vigo e da súa área de influencia.

De feito, deste grupo forman parte representantes da Xunta de Galicia, do Concello de Vigo, da Deputación de Pontevedra, da Confederación de Empresarios de Pontevedra, da Cámara de Comercio de Pontevedra, da Mancomunidade de Vigo e da Zona Franca. Tamén se integran Conxemar, Navalia e o Salón do Automóbil, como usuarios estratéxicos do recinto. Esta composición acordouse por unanimidade do Padroado nunha reunión celebrada o 12 de decembro de 2025.

Nova valoración do recinto en elaboración

Na reunión do padroado do Ifevi tamén se informou de que se está en proceso de elaboración unha nova valoración homologada do recinto que encargou o propio Ifevi tralo consenso de Xunta, Concello de Vigo e Zona Franca baixo a premisa de que este estudo non supoña frear nin atrasar os traballos que xa están en marcha. Trátase dun labor no que se avanza de xeito paralelo ao do grupo de traballo e co obxectivo de reforzar a transparencia e a confianza institucional. Este acordo é un reflexo da man tendida ao Concello de Vigo e á Zona Franca que vén demostrando a Xunta a prol da implantación dun modelo de gobernanza baseado nun sistema tripartito de toma de decisións por unanimidade entre as tres entidades.

Data de actualización: 05/02/2026