Lorenzana recolle as achegas de LugoMadera ao Plan Director do sector forestal-madeira do que destacou o seu liderado a nivel nacional
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo unha reunión de traballo coas responsables da entidade, na que tamén se analizou a situación actual do sector e as necesidades das empresas asociadas
A Coruña, 5 de febreiro de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada do director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, mantivo esta mañá unha reunión de traballo coa Asociación Provincial de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira (LugoMadera). Concretamente coa súa presidenta Maria del Carmen Gayoso, e coa xerente da entidade, Nuria Rodríguez.
Lorenzana explicou ao remate que o encontro serviu para recoller as achegas da asociación ao Plan director do sector, actualmente en tramitación, ao tempo que aproveitaron para recoller as necesidades das empresas asociadas e analizar a situación dunha industria que, tal e como lembrou a conselleira, “é líder a nivel nacional por cifra de negocio e conta cunha facturación anual que supera os 2.400 millóns de euros”. Cómpre lembrar que LugoMadera está integrada por 272 negocios con actividade na provincia de Lugo, que representan o 48% do total que hai en Galicia.
Finalmente, María Jesús Lorenzana lembroulles que a Xunta ten previsto lanzar nos próximos días unha nova convocatoria de axudas para mellorar a competitividade da cadea monte-industria: o Xera-savia, o Xera-tecno e o Xera-valor. En total, a Consellería de Economía e Industria, da que depende a Xera, vai destinar algo máis de 16 millóns de euros a estes tres programas no ano 2026.