A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as instalacións de Balidea
Lorenzana destaca as achegas que as empresas tecnolóxicas poden facer á industria da seguridade e a defensa
Balidea foi unha das 52 beneficiarias da liña de axudas para certificacións (1,5 M€) que a Xunta convocou por primeira vez este ano, e que é unha das medidas que recolle a Estratexia de Seguridade, Defensa e Aeroespazo (Iesda) para as empresas que queiran dar o salto cara a esta industria
“Sempre dicimos que calquera empresa de sectores civís pode sumarse a esta estratexia, e Balidea é unha boa mostra”, di
Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as instalacións da tecnolóxica galega Balidea, onde destacou as achegas que as empresas do sector TIC poden facer á industria da seguridade e a defensa.
Lorenzana cualificou Balidea como “unha das principais empresas tecnolóxicas de Galicia e de España”, con case 25 anos de traxectoria, e que neste momento “está dando pasos” cara a estes sectores, onde este tipo de compañías están xa desenvolvendo tecnoloxías duais, abondou.
Segundo indicou, é unha empresa que foi unha das 52 beneficiarias da liña de axudas para certificacións (1,5 M€) que a Xunta convocou por primeira vez este ano, e que é unha das medidas que recolle a Estratexia de Seguridade, Defensa e Aeroespazo (Iesda) para as empresas que queiran dar o salto cara a esta industria. “Sempre dicimos que calquera empresa de sectores civís pode sumarse a esta estratexia, e Balidea é unha boa mostra”, asegurou.
Xunto con isto, a conselleira tamén apuntou que foi tamén unha empresa que concorreu ás dúas convocatorias da liña IA360. Esta última edición, que pechou en agosto, contou cun investimento público de 10 millóns de euros, e deu apoio a 97 proxectos (43 de desenvolvemento tecnolóxico e 54 de solucións IA).