O conselleiro de Sanidade participou esta tarde no acto de apertura do curso da Academia Médico-Cirúrxica de Santiago de Compostela
Gómez Caamaño subliña o traballo para engrandecer a sanidade pública con melloras que perciban profesionais e pacientes pese ao déficit de facultativos e das folgas do Estatuto Marco
Salienta que Galicia contará este ano co maior orzamento sanitario da súa historia e destaca a posición de vangarda que a comunidade acadará coa posta en marcha do Centro de Protonterapia
Reitera a necesidade de que o Goberno central adopte solucións efectivas ante o bloqueo sanitario provocado pola reforma do Estatuto Marco
A Academia Médico-Cirúrxica fixo entrega da medalla de honra ao doutor Miguel Gelabert, neurocirurxián que foi peza clave na incorporación á sanidade pública galega da tecnoloxía HIFU
Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou esta tarde na apertura do curso da Academia Médico-Cirúrxica de Santiago de Compostela, un acto no que puxo en valor a solidez do sistema público galego e onde advertiu das graves ameazas que supoñen o actual déficit de profesionais en determinadas especialidades e o xeito en como o Goberno central está a negociar o novo Estatuto Marco, sen contar cos médicos.
Durante a súa intervención, o titular da carteira sanitaria da Xunta destacou o nivel de innovación e calidade do sistema sanitario galego que, en 2026, contará co maior orzamento da historia da comunidade, 5.671 millóns de euros.
Nesta liña, Gómez Caamaño subliñou a posición de vangarda que ocupará Galicia en canto aos tratamentos contra o cancro, ao contar cun Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas (CAR-T) que neste ano comezará a producir fármacos propios, así como coa posta en marcha do Centro de Protonterapia de Galicia, que será o primeiro en tratar pacientes na sanidade pública a finais deste ano ou principios do próximo.
No transcurso do acto, a Academia Médico-Cirúrxica de Santiago fixo entrega da medalla de honra ao neurocirurxián compostelá Miguel Gelabert, do que o conselleiro remarcou o seu "alto nivel de especialización" e o seu papel clave na incorporación á sanidade pública galega da tecnoloxía de ultrasóns focalizados de alta intensidade (HIFU), para o tratamento de tremores relacionados con patoloxías como o párkinson.