O conselleiro de Educación reuniuse cos catro sindicatos no marco da comisión de seguimento do acordo de melloras para progresar no seu desenvolvemento

A Xunta acorda cos sindicatos CC.OO., ANPE, UGT E CSIF avanzar na negociación para reducir o horario lectivo do profesorado de secundaria

Román Rodríguez asina coas organizacións sindicais unha addenda ao acordo de 2023 para afondar nas negociacións co fin de pasar das 20 ás 18 horas de clase semanais

O conselleiro asegura que este novo acordo é “o exemplo palpable” de que a Xunta “cumpre” e o diálogo e a cooperación é a vía que garante a mellora do sistema

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2026

A Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO., ANPE, UGT-SP Ensino e CSIF veñen de acordar avanzar na redución do horario lectivo do profesorado de Secundaria e, deste xeito, progresar nos prazos de implantación do calendario fixado inicialmente no acordo para a mellora do sistema educativo galego selado a finais de 2023.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, vén de asinar coas catro organizacións sindicais unha addenda ao dito acordo pola cal se progresa na negociación para regular a diminución da xornada lectiva do persoal docente de Secundaria das 20 horas semanais actuais ás 18 horas. Faino no marco da comisión de seguimento do acordo na que estivo acompañado esta mañá polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez. Precisamente, este novo paso na procura da mellora das condicións do profesorado é froito dun traballo previo de diálogo entre as partes que se vén mantendo no seo da mencionada comisión, que é o órgano de análise, avaliación e interpretación para favorecer o seu desenvolvemento e aplicación.

Román Rodríguez agradeceu o compromiso e a “altura de miras” destas catro organizacións sindicais en beneficio “dunha mellora dialogada e sen precedentes” do sistema educativo galego que agora avanza “un novo chanzo”.

O titular de Educación reiterou que as melloras introducidas hoxe son “a proba palpable” de que “a Xunta cumpre cos seus compromisos”, en referencia a que, como se explicou no seu día, se trataba dun acordo “vivo” e que ía ser obxecto de “constantes melloras, como así está a suceder”. Non en balde, o sindicato CSIF, que non formou parte do grupo inicial, decidiu incorporarse ao mesmo a finais do ano pasado.

Melloras progresivas en marcha

A redución do horario lectivo en Secundaria sumarase ás melloras xa vixentes desde o curso pasado para os mestres de Infantil e Primaria, que pasaron de 25 ás 23 horas lectivas, situándose así Galicia no grupo de cabeza de comunidades con menos horas.

Cómpre lembrar que o acordo acadado en 2023, cunha aplicación progresiva, abrangue medidas estruturais do sistema, enfocadas principalmente a unha atención máis excelente e personalizada do alumnado, así como melloras das condicións do profesorado.

Neste senso, ademais do horario lectivo, establécense novidades en cuestións como as ratios por aula (cuxa baixada a 20 alumnos por aula xa está implantada en 4º e 5º de Infantil), a atención á diversidade, o ensino rural, a carreira profesional docente e cuestións de carácter burocrático, entre outros aspectos.

Data de actualización: 06/02/2026