O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a conselleira de Saúde de Cataluña, Olga Pané, mantiveron unha reunión de traballo sobre a mellora dos servizos de atención primaria, unha materia na que ambas as comunidades comparten obxectivos

Galicia e Cataluña intercambian experiencias sobre as necesidades da atención primaria e o desafío do déficit de profesionais

Os responsables sanitarios de ambas as comunidades compartiron proxectos, retos e experiencias para acadar a optimización do primeiro nivel asistencial

Mellorar a accesibilidade dos pacientes, optimizar a xestión das incapacidades temporais, eliminar trámites burocráticos ou mellorar os procesos de valoración de dependencia, son algúns dos obxectivos comúns que se abordaron na xuntanza

En 2026, a Xunta consignou un orzamento de 1.747 millóns de euros para a atención primaria, o investimento máis alto da historia da comunidade

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e a conselleira de Saúde de Cataluña, Olga Pané, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo na que ambas as comunidades intercambiaron experiencias e compartiron os proxectos postos en marcha co obxectivo de optimizar os seus servizos de atención primaria, tendo en conta o reto que supón o déficit de profesionais neste nivel asistencial, xeneralizado en todo o sistema nacional de saúde.

Mellorar a accesibilidade aos servizos de atención primaria, optimizar a xestión das incapacidades temporais ou mellorar os procesos de valoración de dependencia son algúns dos obxectivos que comparten ambas as comunidades e que foron abordados na xuntanza de esta mañá.

Tamén se abordaron retos e oportunidades que comparten ambos os sistemas sanitarios públicos, como as potencialidades que ofrece a intelixencia artificial á hora de reducir trámites burocráticos e tamén a potenciación da investigación nos centros de saúde, obxectivos recollidos nos Acordos de Xestión do Servizo Galego de Saúde para 2026 asinados esta mesma semana.

Cómpre lembrar que os orzamentos da Xunta para este ano 2026 destinan un total de 1.747 millóns de euros á atención primaria, sendo este o investimento máis alto da historia da comunidade galega nesta materia.

Entre algunhas das medidas postas en marcha pola Xunta para reforzar a atención nos centros de saúde destacan a posta en marcha dos equipos de atención domiciliaria (ESAD), que reforzan a atención nas zonas rurais e máis afastadas, complementando o labor que realizan os centros de saúde; a introdución de 45 nutricionistas nos servizos de atención primaria; ou a posta en marcha, neste mes de febreiro, da Rede de psicólogos clínicos en atención primaria, coa incorporación de 21 novos profesionais que se veñen sumar aos 7 xa existentes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/02/2026