A Xunta convoca axudas a comunidades de usuarios e particulares para a mellora de instalacións de abastecemento e saneamento por 700.000 euros

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución de ambas ordes de axudas cuxo prazo para a presentación de solicitudes abrirá o vindeiro 16 de febreiro ás 9,00 h.

As comunidades de usuarios poderán recibir ata 15.000 euros por solicitude para mellorar instalacións de captación, potabilización e almacenamento de auga

As achegas para os propietarios de vivendas unifamiliares poderán cubrir ata o 100% do investimento, cun límite máximo de 4.000 euros por vivenda, para actuacións de mellora de foxas sépticas

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as resolucións da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático polas que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a comunidades de usuarios e particulares para acometer melloras nas instalacións de abastecemento e saneamento da súa titularidade cun orzamento global de 700.000 euros.

En ambos os dous casos o prazo para a presentación de solicitudes abrirá o vindeiro 16 de febreiro ás 9,00 h. e rematará ás 14,00 h. do día 16 de marzo. No caso das comunidades de usuarios deberá presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través del formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Os particulares tamén as poderán presentar opcionalmente de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

En concreto, segundo a resolución publicada hoxe no DOG, as comunidades de usuarios de abastecemento de auga para consumo humano legalmente constituídas poderán solicitar axudas para a mellora de instalacións de captación, potabilización e almacenamento de auga, así como dos sistemas de medición do caudal destas redes de abastecemento.

Esta orde de axudas conta cun orzamento de 500.000 euros e as achegas poden cubrir ata o 80% do investimento necesario cun límite de 15.000 euros por solicitude. Os apoios concederanse en réxime de concorrencia non competitiva ata o esgotamento do crédito dispoñible.

No que atinxe aos particulares, esta liña de axudas dispón dun orzamento global de 200.000 euros para financiar a renovación de instalacións de saneamento. Deste xeito, os propietarios de vivendas unifamiliares poderán recibir ata o 100% do investimento - cun límite máximo de 4.000 euros por vivenda- para actuacións de mellora naquelas foxas sépticas que non cumpran uns obxectivos mínimos de depuración.

Estas son dúas das oito ordes de axudas que Augas de Galicia ten programadas para 2026 cun orzamento global asignado de 9,3 millóns de euros, o que supón un incremento do 22% con respecto ao paquete de subvencións do ano pasado.

Data de actualización: 06/02/2026