A Consellería de Sanidade dá por finalizada a onda estacional da gripe ao manterse durante dúas semanas consecutivas o nivel basal de intensidade
A taxa de consultas diminuíu un 32 % respecto á semana previa
No referente aos ingresos, ingresaron un 34 % menos que na semana anterior
As taxas de dispensa de antigripais descendeu un 20,2 %
A situación seguirase a monitorizar, co fin de detectar se hai cambios relevantes
Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2026
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade considera que a onda estacional de gripe xa finalizou, ao manterse durante dúas semanas consecutivas o nivel basal de intensidade.
O departamento sanitario galego vén de publicar, na súa páxina web, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á quinta semana do ano, que rematou o día un deste mes.
No informe sinálase que a taxa de consultas diminuíu un 32 % respecto á semana previa e fica en 16,8 por 100.000 habitantes. O descenso produciuse en todos os grupos de idade, destacando a diminución do 69,1 % no grupo de 0 a 4 anos. Por áreas sanitarias, a taxa de consultas tamén descendeu en todas elas.
No referente aos ingresos por gripe, ingresaron 65 persoas, un 34 % menos que na semana anterior (99 ingresos). A taxa de ingresos foi de 2,4 por 100.000 habitantes. O descenso produciuse en todos os grupos de idade. Por áreas sanitarias, non se observou ningún aumento da taxa.
No que vai de tempada, notificáronse 4.076 ingresos, a maioría deles (4.060) con virus de tipo A.
A rede de farmacias sentinela que colabora coa Consellería de Sanidade traslada que, na última semana, as taxas de dispensa de antigripais descendeu un 20,2 %, mentres que a de probas de antíxenos se mantivo estable.
En canto á porcentaxe de positividade das mostras estudadas para virus do tipo A, na semana obxecto do informe foi do 5,4 %, o que supón un descenso respecto da anterior (7,6 %).
Esta situación seguirase a monitorizar durante a tempada de virus respiratorios, co fin de detectar cambios relevantes.