A Xunta avanza cos tres campus de especialización no aproveitamento de sinerxías no eido da investigación
O secretario xeral de Universidades mantén unha reunión de traballo cos representantes dos campus Industrial de Ferrol, Terra de Lugo e Auga de Ourense
O Goberno galego leva investidos máis de 35 M€ desde a posta en marcha deste programa de especialización estratéxica para reforzar os campus non centrais
Ferrol (A Coruña), 6 de febreiro de 2026
A Xunta de Galicia e os tres campus de especialización do Sistema Universitario Galego mantiveron hoxe unha reunión de traballo para avanzar na cooperación mutua e no intercambio de estratexias co fin de aproveitar ao máximo as súas potencialidades.
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, presidiu esta mañá en Ferrol a xuntanza de coordinación cos representantes do campus Industrial desta cidade, do campus Terra de Lugo e de campus Auga de Ourense, co obxectivo de poñer en común os proxectos de cada un deles e definir a folla de ruta de futuro. Trátase, segundo especificou o representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, de avanzar na definición de accións conxuntas “que permitan sumar capacidades e xerar sinerxías no ámbito da investigación” e, así mesmo, “evitar duplicidades” nas liñas de actuación.
Esta cooperación busca reforzar o papel dos campus non centrais, potenciar as súas fortalezas e consolidalos como referentes en ámbitos estratéxicos, contribuíndo así ao fortalecemento do Sistema Universitario de Galicia.
Selo de especialización
Cómpre lembrar que o Programa de especialización dos campus foi posto en marcha pola Xunta en 2013 e inclúe a concesión dunha acreditación de especialización como selo de excelencia. Desde entón, o Goberno galego leva investidos máis de 35 millóns de euros nos convenios asinados coas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.
Grazas a este apoio, os tres campus contan con financiamento específico e actuacións propias para mellorar a súa calidade docente e investigadora, reforzar o seu posicionamento e exercer un papel activo como dinamizadores do territorio.
O Campus Industrial de Ferrol foi o primeiro de Galicia e de España en acadar a acreditación de especialización, recoñecemento que posteriormente obtiveron tamén o Campus Terra e o Campus Auga de Ourense.
Tras a reunión, os participantes visitaron algunhas das principais instalacións do Campus Industrial de Ferrol, entre elas o Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI).