No decurso da celebración da terceira asemblea da entidade
Xosé Merelles anima á Federación de Asociacións do Camiño de Sant Jaume a que contribúa a deseñar un Xacobeo 2027 que conecte as comunidades do Camiño
En 2025, máis de 21.000 peregrinos fixeron o Camiño de Santiago partindo da comunidade catalá
A Federación está integrada por 15 asociacións de amigos do Camiño de Sant Jaume en Cataluña
Santa Coloma de Gramanet (Barcelona), 7 de febreiro de 2026
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou este sábado na reunión da terceira asemblea da Federación de Asociacións de Amigos do Camiño de Sant Jaume que tivo lugar en Santa Coloma de Gramanet. Durante a súa intervención, Xosé Merelles, convidou aos membros desta entidade a que contribúan a deseñar o Xacobeo 2027 ideando proxectos e accións que impliquen a sociedade en xeral e que conecte aínda máis a cultura e a tradición xacobea das distintas comunidades autónomas que une o Camiño de Santiago.
Xosé Merelles salientou o traballo realizado polas 15 asociacións de Amigos do Camiño de Sant Jaume de Cataluña, que fomentaron que a ruta que discorre pola comunidade catalá e conecta co Camiño Francés, “cobre un novo impulso, nun momento ademais de pleno auxe”, dixo, no que se superaron en 2025, o medio millón de compostelas entregadas, un 6% máis que en 2024. Referíndose aos peregrinos que parten de Cataluña, o director de Turismo destacou que o pasado ano foron 21.811, un 4% máis das que en 2024.
No decurso da súa participación, o director de Turismo de Galicia subliñou que desde a Xunta de Galicia estase a traballar no deseño do Xacobeo 2027, para o que se contan con ferramentas coma o Plan Director dos Camiños de Santiago, que se fixa o horizonte na aposta pola sustentabilidade, a innovación, a colaboración e a accesibilidade. Ademais, referiuse ao plan de seguridade viaria que tenta mellorar as vías polas que transcorre o Camiño de Santiago e tamén salientou a rede pública de albergues do xacobeo, un servizo posto a disposición dos peregrinos.
Ademais, Xosé Merelles salientou o Plan Director de Patrocinios do Xacobeo 2027 presentado esta semana que pretende organizar a xestión dos eventos patrocinados con fondos públicos ligados a esta celebración.
“Neste itinerario cara o Xacobeo 2027 esperamos contar coa súa implicación e complicidade”, convidou o director de Turismo de Galicia solicitando que participen no deseño dunha programación que interese a toda a sociedade e que incremente a pegada xacobea.