A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou esta mañá o encoro de Caldas de Reis

A Xunta pon en valor o traballo de vixilancia e control de Augas de Galicia sobre as presas de titularidade autonómica cun investimento de 4,6 M€

Ángeles Vázquez destaca as “continuas” tarefas de mantemento e revisión que leva a cabo a Administración autonómica nos encoros dos que é titular: Baiona, Eiras, O Con e Caldas de Reis

Ademais desas presas, Augas de Galicia tamén realiza o seguimento e control da explotación doutros 29 encoros da demarcación hidrográfica Galicia-Costa

Salienta o papel das comisións de desaugamento, que se reúnen de xeito ordinario dúas veces ao ano e de xeito extraordinario sempre que fenómenos extremos, como intensas precipitacións ou períodos de seca, o requiren

Caldas de Reis (Pontevedra), 7 de febreiro de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor o traballo de vixilancia e control que leva a cabo Augas de Galicia sobre as presas de titularidade autonómica e que se traduce nun investimento global de preto de 4,6 millóns de euros nos anos 2025 e 2026.

Nese senso, a conselleira salientou as “continuas” tarefas de mantemento e revisión que os técnicos de Augas de Galicia levan a cabo nos catro encoros dos que é titular o Goberno galego: Baiona, Eiras, O Con e Caldas de Reis. De feito, “o traballo de actualización e modernización dos sistemas é constante para garantir tanto o bo funcionamento das instalacións como a súa seguridade”, engadiu.

Así, recordou que precisamente ao longo de 2025 se levou a cabo unha revisión de seguridade das presas e algunhas das accións que se identificaron como necesarias comezarán a executarse ao longo deste ano. Entre as actuacións previstas inclúense, por exemplo, diversos traballos de auscultación o melloras da dixitalización do sistema SCADA de monitorización e xestión do plan de emerxencia.

No caso concreto da presa de Caldas de Reis, que hoxe visitou Ángeles Vázquez, xunto co director de Augas de Galicia, Roi Fernández, algunhas das actuacións propostas para acometer a medio prazo son a inspección da rede de drenaxe, a caracterización xeotérmica do cimento ou a revisión do sistema de accionamento do desaugadoiro de fondo e da toma de abastecemento. Cómpre lembrar que esta presa abastece a toda a comarca do Salnés, o que representa uns 120.000 habitantes.

A conselleira lembrou que ademais dos encoros dos que é titular, Augas de Galicia, como organismo de bacía, tamén realiza o seguimento e control da explotación doutras 29 presas da demarcación hidrográfica Galicia-Costa. A maiores, o ente autonómico elabora tamén un boletín hidrolóxico diario cos datos dos encoros de Galicia-Costa que se publica semanalmente para coñecer o estado de cada un deles.

Ademais, técnicos de Augas de Galicia tamén participan, xunto cos concellos e responsables das explotacións, así como outros implicados na xestión destas infraestruturas, nas comisións de desaugamento. Estas comisións reúnense de xeito ordinario dúas veces ao ano e de xeito extraordinario sempre que fenómenos extremos, como intensas precipitacións ou períodos de seca, o requiren.

Nesas comisións é onde se adoptan decisións sobre encoramentos ou desaugues, así como aquelas relativas a normas de explotación das presas, xestión dos seus plans de emerxencias ou actuacións que se teñan que desenvolver nesas infraestruturas.

A información que recibe este órgano de decisión procede tanto do control continuo que se fai a través de diferentes contratos de servizos e das campañas específicas que se levan a cabo para dar cumprimento á normativa de seguridade. En concreto, nestas campañas fanse análises de todos os aspectos importantes como, por exemplo, as cimentacións, cuestións xeotécnicas, o control do paramento ou o estado de elementos como válvulas ou comportas.

Segundo concluíu a conselleira, o obxectivo de todas estas actuacións é reunir a maior e mellor información para levar a cabo unha correcta xestión destas infraestruturas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/02/2026