O Servizo Galego de Saúde remítelle ao Concello da Estrada a proposta de convenio para acometer as actuacións no centro de saúde de Oca, de titularidade municipal
A Xunta colaborará co Concello da Estrada na reforma do centro de saúde de Oca cun investimento conxunto de máis de 154.000 euros
O financiamento das actuación repartirase ao 50 % entre cada unha das administracións, de xeito que a Xunta achegará un total de 77.056 euros
As obras de reforma teñen por finalidade a substitución da cuberta, a renovación interior, a renovación de tubaxes e o traslado de comunicacións á zona de administración, entre outras medidas
O Concello debe asumir o compromiso de redactar o documento necesario para acometer as obras, así como a licitación, adxudicación e execución dos traballos
Esta axuda da Xunta enmárcase no obxectivo do Goberno galego de modernización e mellora das infraestruturas sanitarias
Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2026
A Xunta colaborará co Concello da Estrada para na reforma do centro de saúde de Oca, unha actuación que suporá un investimento conxunto de 154.112 euros.
A tal fin, o Servizo Galego de Saúde remitiu a proposta de convenio ao Concello para acometer a reforma deste centro, que é de titularidade municipal e, polo tanto, é a administración local a quen lle corresponde o seu correcto mantemento.
Para levar a cabo a reforma, o Concello da Estrada e a Xunta, por medio do Servizo Galego de Saúde, repartiranse ao 50 % o financiamento das obras que se van realizar, polo que cada administración fará unha achega de 77.056 euros.
As obras consistirán na substitución da cuberta cunha nova membrana impermeabilizante, illamento térmico e tellas cerámicas. Ademais, renovaranse os canlóns e baixantes, e instalarase un novo lucernario para solucionar as filtracións.
Xunto ao anterior, no interior cambiaranse os falsos teitos e pitaranse todas as paredes interiores para sanear os espazos.
Ademais, procederase á substitución das tubaxes e calefacción por un novo sistema de polietileno reticulado con illamento térmico para maior duración e eficiencia.
No marco desta obra, tamén se trasladará o armario de comunicacións á zona de administración, recolocándoo nun espazo seguro e estable.
Modernización e mellora de infraestruturas
Esta axuda da Xunta enmárcase dentro do obxectivo do Goberno galego de modernización e mellora das infraestruturas sanitarias e o equipamento, facendo os centros sanitarios máis eficientes, promovendo a economía circular e o respecto ao medio ambiente.
Corresponderá ao Servizo Galego de Saúde a coordinación das actuacións necesarias para garantir o mantemento e a continuidade asistencial durante o prazo de execución das obras. Pola súa parte, o concello será o responsable de redactar o proxecto de construción, ademais da licitación, adxudicación e execución das obras.