O conselleiro de Sanidade explicou no Pleno do Parlamento as medidas xa implementadas e as que se están a abordar co fin de reforzar o primeiro nivel asistencial
Gómez Caamaño avanza que a Xunta presentará antes do verán unha reforma da atención primaria que garanta un modelo de atención de calidade para pacientes e profesionais
Informa da creación de dous grupos de traballo centrados nos recursos humanos e no ámbito asistencial para adaptar os tempos e o número de consultas ás necesidades dunha asistencia máis humanizada e de calidade
Remarca a aposta por reforzar o papel do xefe de servizo dos centros de saúde e a propia estrutura de xestión de primaria nas áreas sanitarias
Hoxe mesmo, o Sergas presenta aos sindicatos a reversión de prazas de facultativo especialista de atención primaria en prazas de medicina de familia ou a proposta de voluntariedade de gardas nos puntos de atención continuada
Na Mesa Sectorial de Sanidade desta mañá abordaranse tamén incrementos retributivos para persoal de urxencias hospitalarias e de PAC
O conselleiro lembra a inacción do Goberno central para solucionar o déficit de médicos de atención primaria que afecta a toda España
Sinala que un dos problemas máis inmediatos e con maior impacto no sistema sanitario público é a folga médica contra o Estatuto Marco do Goberno central
Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou esta mañá, no Pleno do Parlamento, que a Xunta presentará antes do verán unha reforma destinada a actualizar o modelo de atención primaria para adaptalo ás necesidades actuais da asistencia, tendo en conta tanto a pacientes como a profesionais.
Na súa intervención no Pazo do Hórreo para abordar a situación da atención primaria, Gómez Caamaño indicou que hoxe, na Mesa sectorial de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde dá conta ás organizacións sindicais da creación de dous grupos de traballo para facer efectiva a citada reforma.
Por unha banda, un grupo de recursos humanos centrado na ordenación do persoal e no seu réxime retributivo e, por outra, un grupo de traballo no ámbito asistencial, que traballará para adaptar os tempos e número de consultas dos médicos ás necesidades dunha asistencia máis humanizada e de calidade; que tamén abordará programas de prolongacións e intersubstitucións e traballará na promoción da creación de prazas de técnico de saúde ou matronas.
Gómez Caamaño amosouse convencido de que a mellora da atención primaria pasa, ademais, por reforzar o papel da xefatura de servizo dos centros de saúde e fortalecer, tamén, a propia estrutura de xestión da primaria nas áreas sanitarias.
Negociación e melloras constantes
O conselleiro de Sanidade trasladou ao Pleno do Parlamento que hoxe o Servizo Galego de Saúde informa na Mesa Sectorial de Sanidade do cumprimento dos compromisos pechados cos sindicatos. Así, deu conta da progresiva reconversión das vacantes da categoría de facultativo especialista de atención primaria en prazas de medicina de familia.
Deste modo, de 238 prazas da categoría de facultativo especialista de atención primaria existentes a 23 de outubro de 2025, a comezos deste mes febreiro 74 xa se converteron á categoría de médico de familia.
Á mesa sectorial tamén se levou hoxe unha proposta de voluntariedade para cubrir as gardas nos puntos de atención continuada de forma incentivada.
Gómez Caamaño destacou que tamén se reforzará a atención primaria a través da enfermería especializada, cun concurso específico en enfermería familiar e comunitaria que deberá rematar este ano.
O conselleiro tamén avanzou que se negociarán incrementos retributivos na xornada complementaria do persoal de urxencias hospitalarias, que tamén serán de aplicación ao persoal dos puntos de atención continuada. Para todos eles, a noite do venres terá a consideración de prefestivo.
Medidas xa postas en marcha
Na súa intervención, Gómez Caamaño incidiu en que a semana pasada se asinaron os Acordos de Xestión do Servizo Galego de Saúde que recollen o reforzo da atención primaria. Entre os obxectivos previstos para este exercicio está o reforzo da continuidade asistencial, a través dunha coordinación máis eficaz entre a atención primaria, hospitalaria e comunitaria en beneficio do paciente; a potenciación do labor investigador no ámbito da atención comunitaria; ou o obxectivo de, cando menos, o 90 % das citas para consultas de medicina de familia, pediatría ou enfermería se atendan nun tempo inferior a 4 días; ou ben se melloren os valores deste indicador un 2 % con respecto a 2025.
Así mesmo, lembrou que en xaneiro se puxeron xa en marcha parte das melloras acordadas cos sindicatos, aplicables desde comezos de ano: melloráronse as condicións económicas do persoal enfermeiro de PAC, con incremento das retribucións de xornada complementaria; acordouse que para o persoal médico de PAC a noite do venres ao sábado teña o mesmo tratamento retributivo que a do sábado; incrementouse o complemento de produtividade variable; e establecéronse compensación dos festivos que coincidan en sábado.
Medidas a imitar
O conselleiro de Sanidade lamentou que os grupos da oposición neguen calquera medida tomada pola Xunta en favor da sanidade pública e que se opoñan a todas elas a pesar de ser imitadas por outros gobernos autonómicos.
Neste sentido, Gómez Caamaño fixo mención á iniciativa pioneira da Xunta de ofertar prazas de medicina de difícil cobertura por concurso de méritos, sen exame. Esta mesma medida acaba de ser adoptada por Castela-A Mancha e Castela e León.
Grazas a esta fórmula, extraordinaria e imprescindible nun contexto de déficit de profesionais, Galicia xa ofertou 178 postos para médicos de familia e 60 para pediatras de primaria.
Fronte á inacción do Goberno central ante a escaseza de profesionais médicos de determinadas especialidades, Gómez Caamaño reclamou do resto de grupos parlamentarios que defendan os intereses de Galicia reclamándolle ao Ministerio de Sanidade que exerza as súas competencias en formación.
Ademais, comparou o acordo de desconvocatoria de folga que logrou a Xunta para evitar un paro que prexudicase a asistencia sanitaria fronte á falta de consenso logrado polo Ministerio de Sanidade, que provocou unha folga médica contra o Estatuto Marco en decembro e xaneiro, e que se repetirá a vindeira semana. Con este paro, perdéronse xa máis de 90.000 cirurxías, probas diagnósticas e consultas, indicou.