As oposicións de Educación comezarán o 20 de xuño, con 1.601 prazas en 42 especialidades

A Mesa Sectorial analiza o decreto de oferta pública de emprego e a orde de convocatoria das probas, que se publicarán no DOG nas próximas semanas

Prevese que os exames estean rematados o 19 de xullo para adxudicar os destinos provisionais e que os docentes se incorporen aos seus postos en setembro

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2026

A Mesa Sectorial do Ensino, conformada polas organizacións sindicais CIG, CC.OO., ANPE e UGT-SP Ensino, analizou esta mañá o decreto de oferta pública de emprego e a orde de convocatoria das probas das oposicións deste ano. Son un total de 1.601 prazas en 42 especialidades e, tal e como explicou o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, as probas comezarán o 20 de xuño, unha vez remate o curso.

Deste xeito, a previsión é que todos os exames estean rematados o 19 de xullo. A continuación, adxudicaranse os destinos provisionais das persoas que gañen praza para que os docentes se incorporen aos seus postos en setembro.

Cómpre lembrar que as 1.601 prazas convocadas este ano supoñen esgotar ao máximo o 120% da taxa de reposición marcada pola normativa estatal, isto é, convocar 120 prazas por cada 100 baixas. De aí que esteamos diante dunhas oposicións de máximos que, ademais, van permitir seguir mellorando as ratios nas aulas, nun escenario de baixada do número de alumnos.

Do total das prazas, case o 87%, un total de 1.388 prazas son de novo ingreso e as 213 restantes son de promoción interna, para que mestres que xa contan con praza se poidan incorporar ao corpo de profesores de ensino Secundario. Por corpos, no de mestre convócanse 476 prazas en oito especialidades, e no de profesores de ensino secundario, 852 en 29 especialidades. Ademais, hai 60 prazas en cinco especialidades no corpo de profesores especialistas en sectores singulares da FP. As 213 prazas de promoción interna abranguen 29 especialidades.

Unha vez analizada na Mesa Sectorial, o decreto de oferta pública de emprego deberá ser sometido á aprobación do Consello da Xunta. Posteriormente, tanto o decreto como a orde de convocatoria serán publicadas no Diario Oficial de Galicia, paso a partir do que as persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición.

Con posterioridade, informarase sobre as distintas sedes. Como novidade, nesta ocasión os interinos non teñen a obriga de presentarse ao exame, co obxectivo de axilizar o proceso.

As oposicións de 2026 elevan a 21.698 as prazas convocadas desde 2009 pola Xunta para renovar, estabilizar e permitir que os docentes avancen na súa carreira profesional. De feito, grazas a estas políticas, Galicia é desde hai anos a comunidade con menor interinidade docente do Estado.

Data de actualización: 10/02/2026