O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP visita o Instituto de Sar, en Santiago, para presentar Acordamos ConVivir
A Xunta reforza a loita contra o acoso escolar cun novo programa de mediación que se implantará de xeito piloto en 20 centros educativos
Román Rodríguez fai fincapé na importancia de actuar desde “a sensibilización e a prevención” en coordinación cos centros e coas familias
O programa, que abrangue obradoiros co alumnado e charlas coas familias está dirixido a 5º e 6º de Primaria e de ESO
Desenvólvese en colaboración coa Fundación Sergio Villar, centrada na promoción de valores como a solidariedade, a convivencia e o apoio a colectivos vulnerables
Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2026
O conselleiro de Educación Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou no Instituto de Sar unha nova acción da Xunta para seguir reforzando a loita contra o acoso escolar e o impulso da boa convivencia nos centros a través da mediación. Trátase do programa Acordamos ConVivir, unha iniciativa que se implantará de xeito piloto en 20 centros educativos.
A través deste programa, desde a Consellería de Educación proporciónanse aos centros recursos específicos para a resolución pacífica dos conflitos e o fomento dunha educación baseada na convivencia, e o respecto, así como na promoción da non violencia en todos os ámbitos da vida persoal, familiar e social, con especial atención ao acoso e ao ciberacoso.
A iniciativa realízase en colaboración coa Fundación Sergio Villar, creada para promover os valores de solidariedade, convivencia e apoio a colectivos vulnerables e que desenvolve parte da súa actividade en centros educativos da provincia da Coruña.
O conselleiro Román Rodríguez, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, explicou que o obxectivo é “afondar aínda máis” nunha liña “prioritaria” do Goberno galego para acadar que os centros educativos sexan lugares seguros e exemplo de convivencia. Así mesmo, fixo fincapé na importancia da colaboración mutua “entre administración, centros educativos, docentes e familias” e na necesidade de actuar, sobre todo, “desde a sensibilización e a prevención”.
A Xunta publica hoxe a convocatoria para que os centros que o desexen se adscriban a este programa que vai dirixido a profesorado, familias e alumnado que cursa 5º e 6º de Primaria e ESO nos centros educativos públicos. Os interesados dispoñen de 15 días de prazo para presentar a correspondente solicitude.
Funcionamento do programa
O programa, no cal poderán participar ata 20 centros, desenvolverase en tres partes que abranguen unha reunión inicial, obradoiros de prácticas complementarias á mediación e charlas informativas para profesorado e familias.
A primeira parte, de reunión co centro, servirá para recoller información inicial sobre as necesidades e particularidades de cada colexio de xeito que se establezan canles de comunicación claras que permitan un deseño personalizado das actuacións a implementar.
Na parte dos obradoiros, os estudantes, organizados cun máximo de cinco grupos por centro e de 25 alumnos por grupo, traballarán nos aspectos da mediación. Cada obradoiro terá unha duración de 50 minutos e todos se desenvolverán na mesma xornada lectiva.
No que atinxe ás charlas informativas, realizarase unha sesión de 2,5 horas de duración en horario de tarde co fin de dar a coñecer estas prácticas e os seus efectos positivos.
Estas actividades están enfocadas a identificar os principais elementos que configuran a conduta colaborativa (empatía, cooperación, diálogo...) como promotores de relacións sociais satisfactorias, sensibilizar sobre a necesidade de educar na xestión positiva dos conflitos co fin de previlos e practicar técnicas de comunicación afectiva consciente que favorecen a cooperación, a responsabilidade e o coidado das outras persoas.
Medidas a prol da convivencia
Nos últimos meses a Consellería de Educación está dándolle un novo impulso ás actuacións para erradicar calquera conduta contraria á convivencia nos centros e blindalos como espazos referentes neste eido.
Froito deste intenso traballo cómpre destacar a posta en marcha do Plan integral contra o acoso escolar, do Plan de benestar emocional e do Plan de benestar dixital así como novas ferramentas xa en funcionamento como os Puntos Laranxa, o Termómetro Acoso Escolar ou a futura Rede de concellos contra o acoso escolar.